Persoal Técnico

O Plan Revitaliza da Deputación conta cun cadro de persoal propio formado por seis técnicas e técnicos de residuos especializados en compostaxe e dous técnicos económicos, que son as persoas responsables de asesorar os concellos da provincia e redactar os plans municipais de residuos para aplicar a compostaxe como sistema de xestión do lixo en cada concello.

As mestras e mestres composteiros (MECOS) son o persoal que, no día a día, vixía que a compostaxe se faga correctamente nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) e que asesoran as e os usuarios de composteiros individuais.

Nos CCC controlan que as proporcións de lixo orgánico e estruturante sexan correctas, vixían a humidade, a temperatura e a aireación no proceso de produción do compost e corrixen aquilo que non funciona; tamén resolven calquera dúbida das e dos veciños. Actualmente a Deputación conta con 12 mestras e mestres composteiros entre o seu persoal propio como funcionariado interino, e tamén con 40 bolseiros.

Todas e todos eles teñen unha licenciatura ou doutoramento e foron seleccionados en diferentes exames sobre materias tales coma Bioloxía, Química e Bioquímica, Conservación do Medio, efectos dos residuos e lexislación específica a nivel local, autonómico, estatal e europeo.

Ademais do persoal propio o Plan Revitaliza tamén conta con colaboración externa da asociación Amigos da Terra (AdT), colectivo que se encarga de asesorar e controlar o funcionamento dos composteiros individuais no municipio de Vilaboa (aproximadamente uns 1.600) e Mondariz (1.200). Tamén se está a traballar en colaboracións con outras asociacións noutros municipios.

Os contactos para resolver dúbidas son: 

  • Plan Revitaliza da Deputación: 886 210 600, revitaliza@revitaliza.gal
  • Concellos de Vilaboa e do Grove, técnico de Amigos da Terra: 611 088 917
  • Concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, técnicas de Amigos da Terra: 611 088 917
  • Concello das Neves, técnico de Adega: 611 088 917

Facultade da compostaxe

Ter persoal cualificado para atender os centros de compostaxe foi un dos principais obxectivos da Deputación ao poñer en marcha o Plan Revitaliza. O bo funcionamento do plan provincial baséase, principalmente, na rigorosidade e control dos centros de compostaxe comunitario, dos composteiros individuais e das futuras plantas comarcais.

Debido á escaseza de persoal formado especificamente na materia, a Deputación puxo en marcha un curso de formación denominado Facultade da Compostaxe que na actualidade se consolidou como un título propio da Universidade de Vigo.

O alumnado da Facultade da compostaxe pasa por varios exames para poder acceder á formación práctica e teórica. Entre o profesorado destacan expertas e expertos recoñecidos que traballan no sector tanto no país e no Estado coma no estranxeiro, así como profesorado universitario que imparte clases maxistrais.

Bolsas para ser mestras e mestres composteiro

Interinidades

 

Convocatorias finalizadas