Apúntate á compostaxe!

Os restos de comida e vexetais –biorresiduos- son os máis abundantes de todo o lixo que se produce a nivel municipal. Supoñen un 53% da bolsa de lixo que xera cada persoa en Galiza e son os únicos que se poden tratar no lugar onde se producen con poucos medios, de xeito natural, controlado, e con todas as garantías sanitarias e ambientais.

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra pretende tratar mediante autocompostaxe os restos orgánicos e defende a descentralización como punto clave. Na provincia existen máis núcleos de poboación que en todo o resto do estado: os residuos son xerados de xeito tan disperso que non é eficiente recollelos, xuntalos e tratalos nun único punto, senón que o máis axeitado é xestionalos no mesmo lugar onde se producen , o que se chama ‘quilómetro cero': nos domicilios de veciñas e veciños que dispoñen de horta mediante autocompostaxe individual, e mediante autocompostaxe comunitaria ou en pequenas plantas comarcais para zonas máis densas.

O obxectivo da Deputación é que os restos orgánicos non entren no circuíto habitual dos residuos, o que eliminará a necesidade dos colectores verdes, da recollida, do transporte a unha planta de transferencia, e da incineración final. Coa compostaxe os medios necesarios para o tratamento dos biorresiduos redúcense e, por tanto, tamén o custe ambiental e o económico para os concellos.

Nesta páxina web podes informarte sobre como compostar . Con poucas indicacións e co soporte do persoal técnico da Deputación conseguirás que o teu lixo pase a ser un recurso: materia prima para facer compost, un fertilizante natural de grande calidade que permitirá delvolverlle á terra o que é da terra.

A Deputación convídate a participar da compostaxe e darlle unha nova vida ao teu lixo. Revitaliza!

Queres compostar?