Vilaboa dálle un novo pulo ao Plan Revitaliza e convoca un novo reparto de composteiros para a veciñanza

Os tres centros escolares, 16 grandes produtores de lixo, así como máis de medio milleiro de familias do concello xa compostan os seus biorresiduos


04 novembro 2018
Punto verde en Vilaboa

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra está collendo moi boa forma no concello de Vilaboa: todos os centros escolares, 16 grandes produtores e máis de medio milleiro de familias xa compostan os seus biorresiduos tanto en composteiros comunitarios como en composteiros individuais. Para seguir con esta boa dinámica, e tendo en conta que cada veciño ou veciña con vivenda en Vilaboa ten o dereito a recoller o seu composteiro, ferramenta e ás visitas de asesoramento do persoal de Amigos da Terra, o persoal técnico da Deputación realizará este vindeiro domingo día 4 ás 12 horas na casa da cultura de Riomaior un novo reparto de composteiros.  

Ademais de informar sobre as vantaxes da compostaxe, os mestres e mestras composteiras explicarán tamén de que se  vai poñer en marcha o sevizo de préstamo de microtrituradoras, polo que tamén poderán acudir as e os cidadáns para apuntarse neste servizo de cara a campaña de poda (leñosas de xardiñeiría, ou similar).

Polo de agora en Vilaboa xa hai 9 centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados e en funcionamento sumando en total  71 unidades modulares de compostaxe (UMC) de un metro cúbico de capacidade e que dan servizo aos principais negocios de hostelería do concello, o que demostra o compromiso dos hosteleiros de Vilaboa cunha correcta xestión dos seus residuos.  Participan en total 16 establecementos (restaurantes, residencias de maiores e algunha residencia con marcado carácter social) compostando os seus residuos orgánicos.

Por outra parte, a totalidade dos centros educativos de Vilaboa xa están compostando os seus residuos orgánicos, xa que dispoñen de  instalación e acompañamento do persoal provincial da asociación Amigos da Terra no CPI do Toural, no CEP Plurilingüe de Riomaior e nos CRA (3 a 6 anos) de Bértola, Figueirido, Paredes, Barciela e Pousada.

Tamén é de sinalar o bo funcionamento do punto de intercambio de poda e estruturante (coñecido como "punto verde") do Monte do Cabalo, onde os propios veciños e veciñas levan os seus restos vexetais (en lugar de facer queimas) transformándoos nun produto, o estruturante, que posteriormente é empregado polas persoas usuarias do programa de compostaxe provincial.