Valga inicia a repartición dos composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra

Persoal técnico da Deputación realizará este xoves, ás 20 horas, o primeiro acto informativo no auditorio municipal


27 outubro 2020
Composteiros no concello de Valga

O Plan Revitaliza de compostaxe vai arrancar a súa andaina no concello de Valga coa repartición de composteiros individuais (COIN). Este xoves 29 entregaranse os primeiros recipientes á veciñanza que xa fixera a súa solicitude previamente nun acto que contará coa presenza do alcalde, o mestre composteiro do concello e varios técnicos do Revitaliza.

A cita será ás oito da tarde no auditorio municipal e realizarase seguindo todas as medidas de prevención sanitarias necesarias con motivo da COVID-19: manterase a distancia física entre as persoas asistentes, entrada e saída independente, xel hidroalcólico e obriga de levar máscara. Proxectarase nunha pantalla unha pequena presentación explicativa e á saída entregarase o COIN, un aireador, un termómetro e un manual de compostaxe a cadansúa veciña e veciño.

O Revitaliza no concello de Valga pretende distribuír 1.300 composteiros individuais (e os seus apeiros correspondentes) ao longo das 5 parroquias que compoñen o territorio do concello. Trátase na súa maioría de núcleos eminentemente rurais nos que as vivendas en altura son escasas e nos que a maioría das edificacións contan cunha parcela onde poder situar o composteiro. Debido a isto a cantidade de centros de compostaxe comunitaria a instalar é baixo, e simplemente darán servizo ás áreas de edificación en altura situadas nas proximidades da casa consistorial e ao comedor dunha escola na que comen un número elevado de alumnas e alumnos.

A poboación total do concello está sobre os 5.900 habitantes polo que entre ambos sistemas de compostaxe, comunitario e individual, se pretende dar cobertura á práctica totalidade da poboación. Ademais destes investimentos o Revitaliza tamén subvencionará a compra dunha máquina trituradora destinada á transformación de residuos vexetais en material estructurante que complemente o proceso de compostaxe.