Tomiño inicia o reparto dos composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación

Persoal técnico da Deputación realizará mañá mércores ás 10.30h unha charla de formación no Pavillón da Carballa


18 agosto 2020
Tomiño inicia o reparto dos composteiros individuais

Plan Revitaliza de compostaxe vai dar o pistoletazo de saída ao reparto de composteiros individuais (COIN) no concello de Tomiño. Mañá mércores entregaranse os primeiros recipientes a 30 familias da vila, estando convocadas outras tantas 30 persoas para recibir unha charla de formación sobre a compostaxe de residuos orgánicos e recibir despois o composteiro.

A cita será ás 10.30 horas no Pavillón da Carballa, na parroquia do Seixo coa presenza da alcaldesa Sandra González, e realizarase seguindo todas as medidas de prevención sanitarias necesarias: haberá cadeiras ben separadas, entrada e saída independiente, xel hidroalcólico e obriga de levar máscara. Proxectarase nunha pantalla unha pequena presentación explicativa e á saída entregarase o COIN, un aireador, un termómetro e un manual de compostaxe.

O reparto continuará o vindeiro xoves 27, cando se entregarán outros 30 COIN. As persoas que os recibirán serán as que se inscribiran a raíz dunha solicitude de subvención do PIMA que resultou fallida para o concello. Posteriormente e grazas á subvención da Deputación de Pontevedra, realizaranse novos repartos, chegando a entregar ata uns 3000 COIN, instalar uns 14 CCC ademáis dos dous existentes, mercar un camión grúa, microtrituradoras para deixar en empréstito á veciñanza e instalar algún punto verde para a recollida de poda.

O persoal técnico explicará en que consiste o Plan Revitaliza da Deputación, como se composta, e algunhas cuestións prácticas como a importancia ubicar ben o composteiro, de achegar suficiente estruturante para misturar cos biorresiduos, e tamén de remexer periódicamente o material para airealo. Contestaranse algunhas dúbidas sobre que se pode botar no composteiro (todos os restos de comida crúa ou cociñada e vexetais).