Representantes do goberno canario, cabildos e concellos insulares visitarán Pontevedra este luns e martes para coñecer o Plan Revitaliza

As e os representantes visitarán centros de compostaxe comunitaria por concellos de toda a provincia


29 febreiro 2020
Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra recibirá os vindeiros luns e martes unha delegación de representantes do goberno autónomo canario e de varios cabildos e concellos insulares interesados en coñecer in situ o Plan Revitaliza para replicar despois o modelo no seu territorio.

Entre outros, estarán en Pontevedra o conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o Cambio Climático e Planificación, José Antonio Valbuena; o viceconselleiro de Loita contra o Cambio Climático, Miguel Ángel Pérez; o director xeral, José Domingo Fernández; o xefe de gabinete, José Luis Figueroa; e o asesor, Ryco Bejarano García; ademais de representantes do Cabildo de Palma e dos concellos de Breña Baja, Barlovento, Garafía, Los Llanos de Aridane, Fuencaliente de la Palma, Villa de Mazo, Tazacorte, Puntallana, Tirajafe e Mazo, xunto con representantes doutras entidades públicas e privadas.

O programa de traballo será moi amplo. O luns, a delegación visitará o centro de compostaxe comunitaria (CCC) de San Antoniño, en Barro; os dous de Tío Benito e da veciñanza en Barrantes, Ribadumia; varios CCC no Grove, Portonovo, Moaña e  Vilaboa e as instalacións do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Tamén se realizará unha sesión técnica coa presentación de datos económicos e técnicos actualizados do Plan Revitaliza. O martes continuarán as visitas aos CCC no municipio de Pontevedra, organizarase unha charla explicativa sobre o plan e realizarase unha recepción institucional na que se valorará o percorrido realizado.

Segundo anunciou o vicepresidente pontevedrés César Mosquera, esta nova visita á provincia de Pontevedra é unha mostra máis do interese do Revitaliza polo mundo adiante. En concreto, e en relación ao territorio canario, o nacionalista destacou que o programa pontevedrés é perfectamente adaptable a este polas súas características.