Pontevedra acolle un workshop coas principais expertas e expertos de todo o estado sobre compostaxe

A Deputación recibirá luns e martes a representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da Axencia catalana de residuos, dos consorcios catalán e navarro, e da Deputación Foral de Álava, que coñecerán ‘in situ' o Plan Revitaliza


04 novembro 2018
‘Workshop' sobre compostaxe comunitaria

Pontevedra acollerá os próximos luns e martes un ‘workshop' sobre compostaxe comunitaria que reunirá aos principais expertos e expertas de todo o estado para debater como implantar a compostaxe como modelo de xestión do lixo da maneira máis eficaz posible. A Deputación de Pontevedra recibirá a representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da Axencia catalana de residuos, dos consorcios catalán e navarro, así como a membros da Deputación Foral de Álava, todos eles institucións que levan tempo traballando na área e que queren coñecer ‘in situ' o Plan Revitaliza e os seus resultados.  O obxectivo final do encontro será desenvolver unha guía de técnica para implementar a compostaxe comunitaria e que este documento poida servir finalmente como base para a futura normativa estatal, autonómica e local.

O workshop a celebrar en Pontevedra é o segundo que manteñen os representantes técnicos logo dun anterior encontro en Barcelona onde se sentaron as bases da guía técnica. Alí desenvolveron unha primeira versión do documento cos puntos chave na implantación da compostaxe comunitaria.  Na xornada do luns, pois, comezarase a traballar sobre as conclusións existentes, as aportacións e os comentarios recibidos dende a orixe da guía.

Despois da presentación inicial será a quenda de debater sobre o actual marco normativo, concretamente sobre a trasposición da directiva 821 da Unión Europea e a modificación da Ley de residuos estatal de 2011, que obrigará a recoller e compostar o 100% dos residuos orgánicos de xeito separado en 2020 de forma obrigatoria. Tamén se dará a coñecer a nova Ordenanza Marco Revitaliza sobre compostaxe local para a provincia de Pontevedra, recentemente aprobada pola Deputación de Pontevedra.

Na primeira xornada os expertos tamén analizarán como deben ser as zonas de compostaxe comunitaria (deseño, definición e esixencias mínimas), o protococo de manexo, o mantemento mínimo esixible, a trazabilidade do compost, así como a figura dos mestres e mestras compostadores, persoal aínda non extendido noutras áreas e xa implementado con éxito no Plan Revitaliza. Así mesmo, cada representante das administración presentes achegará exemplos de compostaxe comunitaria que funcionaron con éxito no seu territorio e outros que non tiveron o rendemento agardado co fin de identificar os factores que influíron meses resultados.

Finalmente, na xornada do martes 6 realizarase unha recepción oficial na Deputación e farase unha visita técnica guiada a diferentes ejemplos de xestión descentralizada de biorresidios no marco do Plan Revitaliza, coñecendo grandes produtores (exemplo de Príncipe Felipe), composteiros comunitarios urbanos e tamén en zonas rurais, así como puntos de intercambio de estruturante nos diferentes concellos adheridos.

Entre os asistentes ao workshop estarán Belen Puyuelo (LAVOLA_FeA), Inazio Irigoien (Universidad Pública de Navarra_FeA), Joseba S. Arizmendiarrieta (LUAR Ingurumena_FeA), Ramon Plana (Consultor Independiente_FeA), Gema Gonzalo (Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente),  Sergi Perez (COR, Consorci per a la Gestió de Residus), Nora San Sebastian (ARC, Agência de Residus de Catalunya), Txomin Elgorriaga (NILSA_Consorcio de Residuos de Navarra), e Eva Diaz de Arcaya (Diputación Foral de Álava).