Poñer ao día as normativas municipais de residuos e acadar resultados globais, obxectivos da nova fase do Revitaliza

César Mosquera anuncia unha liña de subvencións de 100.000 euros para que os concellos redacten estudos económicos e de xestión e prevención dos residuos municipais


14 outubro 2021
César Mosquera

O Plan Revitaliza da Deputación está a traballar a día de hoxe con dous obxectivos claros: poñer ao día as normativas municipais de residuos e acadar resultados globais  na prevención, xestión e tratamento do lixo. Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen subliñou que logo de cumprir seis anos o pasado mes de setembro o proxecto do Revitaliza quere dar un novo pulo aos concellos para que cumpran canto antes os obxectivos marcados pola Unión Europea.

O vicepresidente  Mosquera salientou que ata o de agora o Revitaliza estivo centrado na sensibilización e na pedagoxía sobre o sistema de compostaxe, unha fase ao seu entender debe avanzar porque non hai ningún concello na provincia que teña unha ordenanza propia que permita aplicar incentivos e sancións para regular os seus residuos e polo tanto implantar de maneira non voluntarista e globalizada os modelos de xestión.

"Os concellos están indefensos e hai disfuncionalidades", dixo, explicando que as taxas vixentes son sempre lineais, perxudicando a quen menos residuos xera, e ademais vense obrigados a manter dous sistemas de xestión e tratamento paralelos. "Hoxendía a aceptación dos composteiros chega ata o 85% nalgúns concellos e a pesares de que a cifra é alta hai que actuar porque obriga a manter os dous sistemas, a compostaxe local e o colector verde coa recollida, e iso ten un custe", apuntou.

É por iso que a Deputación aprobará mañá en Xunta de Goberno unha convocatoria de subvencións que permitirá financiar ‘Estudos técnicos de xestión e prevención dos residuos municipais' e tamén adaptar as ordenanzas tipo fiscal e de xestión que xa ten elaboradas o Revitaliza ás características de cada concello. É dicir, as novas axudas permitirán aos concellos ter unha radiografía da situación actual e contemplar unha proposta técnica para abordar os residuos de maneira efectiva e viable economicamente.

Na convocatoria das axudas provinciais repartiranse 100.000 euros, cun mínimo de 6.000 euros para os concellos máis pequenos e de 22.500 euros para os máis grandes, que se distribuirán tamén en función da implantación actual da compostaxe, dos datos de recollidas selectivas, ou da dispoñibilidade de persoal especializado.

Segundo explicou Mosquera os estudos técnicos deberán centrar os esforzos nos principais xeradores de residuos que, segundo subliñou, non son os domicilios (apenas o 40% do total), senón os produtores singulares (restaurantes, centros sanitarios, supermercados, negocios, e outras actividades). "En Pontevedra o Hospital Montecelo equivale a 2.500 domicilios, Príncipe Felipe a uns 800, un supermercado pode chegar a supoñer o mesmo que 600 domicilios e un restaurante que funcione ben entre 400 e 500. Se controlamos iso, xa temos unha cantidade abordable", apuntou.

En canto a incentivos e sancións subliñou que estas últimas non serán a parte central das novas normativas, pero insistiu en que servirán como apoio ao control, a inspección e seguimento. "Non hai vontade de perseguir sistematicamente os domicilios. Si hai que controlar os grandes produtores e os casos reiterados de incumprimento", recoñeceu.

Xornada aberta para concellos coa Agència de Residus de Catalunya

A vindeira semana o Revitaliza será o anfitrión dunha delegación de persoal técnico e político da Agència de Residus de Catalunya na que estará o seu director xeral Isaac Peraire, e o director de Planificáción Estratéxica Francésc Giró.

Segundo explicou Mosquera, a xestión do Revitaliza está caracterizada tanto por incorporar os mellores coñecementos que hai no mundo e adaptalos á realidade da provincia, como por ser exemplo para outras localidades. Neste intercambio de ‘know how', a delegación catalana coñecerá in situ a compostaxe do Revitaliza ‘kilómetro zero', e por outra parte explicará ao persoal técnico provincial a súa experiencia na implantación da agrocompostaxe, un sistema tamén coñecido como ‘austríaco', no que os residuos municipais se mesturan cos gandeiros e da agricultura para despois aplicalos como abonos nos campos.

Aproveitando a visita a Deputación tamén vén de organizar para o vindeiro venres 22 unha ‘Xornada aberta' dirixida aos concellos da provincia co fin de que de maneira directa vexan se o modelo catalán pode ser viable aquí, sobre todo no ámbito do sistema de recollida porta a porta, que ten suscitado un amplo debate.

Seguimento da compostaxe individual e comunitaria

Outra das novidades avanzadas hoxe foi que a Deputación vén de adxudicar o servizo de seguimento da compostaxe individual e o mantemento da compostaxe comunitaria nos concellos  adheridos ao Revitaliza á empresa SM Sistemas Medioambientales, que se fará cargo das tres áreas nas que se dividirá a provincia (norte, centro, sur).

O motivo do cambio para o reparto e seguimento dos composteiros, segundo afirmou Mosquera, é acadar unha maior flexibilidade á hora de facer as distribucións e acadar un "exército de choque" que permita maior rapidez de actuación.