Persoal do concello de Gondomar, formado en compostaxe polo Plan Revitaliza

Catro funcionarios recibiron hoxe os diplomas que os acreditan en educación ambiental


07 febreiro 2020
Funcionarios de Gondomar cos seus diplomas

O Concello de Gondomar ten xa persoal formado en compostaxe polo Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematou o Curso Básico de Compostaxe e Información Ambiental, impartido durante o mes de xaneiro e a primeira semana de febreiro, cunha parte práctica e outra teórica.

A formadora e o formador deste curso foron o técnico Carlos Manuel Pintos Estévez e a técnica Estefanía Alfonsín Moraña, que supervisan o Revitaliza na zona do Val Miñor. O persoal explicou o temario do curso sobre os residuos e a súa lexislación, a definición da compostaxe (como se realiza o proceso, os materiais necesarios, os parámetros  e as medicións necesarias), as diferencias entre a compostaxe individual e a comunitaria e a aplicación do compost.

Unha vez coñecida a teoría sobre a parte máis burocrática da compostaxe e a parte máis biolóxica e relacionada coa natureza, os asistentes ao curso realizaron as prácticas operativas para saber como se debe xestionar un centro de compostaxe comunitaria e coñeceron as claves para resolver os posibles contratempos ao facer o compost.  Os participantes (Juan Ramón Alonso Martínez, Belarmino López Comesaña, José Luis Abraira Arias e Brais Misa García) recibiron hoxe os seus diplomas da man das mestras e mestres composteiros que traballan habitualmente na zona.

A día de hoxe, no Concello de Gondomar están operativos dous centros de compostaxe comunitaria, o que se instalou hai pouco no Parque das Ánimas e o que está nas inmediacións do supermercado Froiz, e ambos os dous funcionan de forma moi satisfactoria. Neste último centro lévanse xestionadas, desde a súa posta en marcha, máis de 31 toneladas de residuos orgánicos e restos vexetais, e producíronse 31 lotes de compost.

Así mesmo, o Concello recibiu hai pouco 88 composteiros individuais para casas con horta por parte da Deputación, que se repartirán próximamente entre a veciñanza. Tamén existen composteiros individuais específicos para produtoras e produtores singulares no centro educativo de Educación Infantil Souto Donas e no IES Terra de Turonio, no que hai unha importante implicación do alumnado.