O Revitaliza, un modelo de xestión de lixo e unha oportunidade de atopar un emprego

Dez alumnas do curso de Mestría en Compostaxe de Amigos da Terra estiveron hoxe en Caldas de Reis aprendendo o funcionamento práctico dun centro de compostaxe comunitaria


06 outubro 2020
Curso de Mestría en Compostaxe

Dez alumnas do Curso de Mestría en Compostaxe promovido por Amigos da Terra e financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Fondo Social Europeo dentro do programa ‘Emprega Verde' participaron hoxe en Caldas de Reis nunhas clases prácticas sobre o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) do Revitaliza. A mestra composteira Beatriz Fernández Lorenzo encargouse de explicar cales son as tarefas do persoal técnico de mantemento dos CCC que hai en toda a provincia: o control de temperatura e enchido nos módulos de achega de lixo, como se fan as trasfegas do compost durante a maduración, e como este se peneira para ter máis calidade.

A satisfacción das participantes pola clase práctica foi total, xa que foi un complemento moi didáctico sobre a formación teórica que veñen recibindo no curso. O obxectivo desta iniciativa, hai que lembrar, é aportar coñecemento que permita acadar un emprego dentro dun sector que agora está en pleno auxe ante a obriga dos concellos de xestionar o seu lixo de maneira máis sustentable seguindo as directrices da Unión Europea.

Ademais das alumnas, tamén participaron como oíntes nas clases prácticas dúas técnicas do Concello de Foz, que manifestaron a viabilidade de implantar un modelo de xestión como o Revitaliza nun concello como o lucense. Aseguraron, en calquera caso, que a súa posta en marcha depende da vontade política.   

Algunhas das preguntas que xurdiron ao longo da xornada -na que tamén participou o técnico de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis e unha das persoas en formación de Illa de Príncipe- estiveron relacionadas coa cantidade de impropios que aparecen nos CCC do Revitaliza, certamente case insignificantes; no número de veces que é preciso remexer o material que dá lugar ao compost; cal é o tempo en que tarda en encherse o módulo de achega de residuos orgánicos; ou o prazo no que madura correctamente o compost.

A implicación do Plan Revitaliza da Deputación dentro do programa de formación vén dada pola súa política de xeración de emprego local, xa que o plan provincial é un modelo de xestión do lixo baseado na proximidade e na economía circular, cunha aposta clara pola dinamización local e o asentamento no rural.

Hai que lembrar que a Deputación puxo en marcha a ‘Facultade da Compostaxe', un curso de formación especializado en compostaxe e homologado pola UVigo que xa leva varias edicións, no que se formou a práctica totalidade do persoal que despois foi contratado para o propio Revitaliza.

En canto á xeración de emprego, o Revitaliza realizou ata o de agora 74 contratos de bolseirxs ou persoal en prácticas, contratou a 20 interinxs por execución de programa, e facilitou a contratación de 27 interinxs nos concellos da provincia.

A partir da formación adquirida na ‘Facultade da Compostaxe', o persoal técnico da DEPO está a formar a outras persoas, como neste ciclo de cursos de Amigos da Terra,e tamén a facer divulgación de cara a outros países, como é o caso de Illa de Príncipe.

Fotos