O Revitaliza reparte mañá composteiros individuais e informa sobre o seu uso en Redondela

As persoas interesadas en compostar poden apuntarse para recibir os últimos recipientes dispoñibles entregados pola Deputación


12 febreiro 2020
Carpa do Plan Revitaliza

O multiusos da Xunqueira de Redondela será o escenario dunha nova repartición de composteiros individuais (COIN) do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. As persoas que asistan recibirán unha charla impartida polo mestre composteiro encargado do Concello de Redondela, Héctor Nieto, quen explicará o uso que se debe facer do composteiro e aclarará todas as dúbidas da veciñanza.

A entrega dos COIN, que será ás 11 da mañá, supón un novo paso adiante do Concello na súa implicación co plan liderado pola Deputación para cumprir coas esixencias da Unión Europea en materia de residuos, que establecen que a finais deste ano se deben preparar para reciclar o 50 % dos residuos xerados nas vilas. Tendo en conta que máis da metade do lixo que se produce nos fogares é de orixe orgánico a compostaxe en proximidade preséntase como a mellor alternativa tanto económica como ambiental.

A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Redondela 154 COIN para repartir entre a veciñanza. Ata o de agora lévanse repartido arredor dun cento e estanse a instalar carpas informativas co fin de achegar á xente a importancia de compostar. Un dos últimos postos informativos tivo lugar a pasada semana acadando que 20 veciñas e veciños se apuntaran para ter un composteiro individual na horta da súa casa. Dado que quedan os últimos COIN dispoñibles, todas aquelas persoas que o desexen poden pasarse pola charla do multiusos a informarse e apuntarse para futuras entregas.

En canto ao centro de compostaxe comunitaria de Redondela –situado no extremo sur da rúa Salgueiral–, experimentou un aumento das achegas de lixo orgánico da veciñanza durante o último ano, chegando a xestionar durante o 2019 un total de 19 toneladas de biorresiduos domiciliarios e fracción vexetal.