O Revitaliza repartirá mañá composteiros individuais e dará unha charla sobre as aplicacións do compost en Barro

Tres mestras composteiras da Deputación serán as encargadas de aclarar todas as dúbidas da veciñanza


04 febreiro 2020
Composteiro Individual

O Concello de Barro continúa a súa implicación co Plan Revitaliza da Deputación para fomentar a compostaxe dos biorresiduos das veciñas e veciños da vila. Tres mestras composteiras serán as encargadas de aclarar todas as dúbidas da veciñanza en dous actos que terán lugar mañá na Casa do Concello: un reparto de composteiros individuais e unha charla aberta ao público para explicar as aplicacións que ten o compost como fertilizante tanto para plantas de interior como para hortas.

O primeiro acto será ás 10.30 da mañá, e están citados algunhas veciñas e veciños do concello para entregarlles o composteiro individual que deberán instalar na súa horta. Xunto as dúas mestras composteiras encargadas estarán o deputado responsable do Plan Revitaliza, Uxío Benítez, e o asesor de residuos Carlos Pérez, que aproveitarán para manter un pequeno encontro co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro Iván Bello para facer balance da situación do Plan Revitaliza na provincia.

Xa pola tarde, ás 19.30 horas, realizarase unha charla sobre os usos e aplicacións do compost no salón do Concello de Barro. O persoal técnico entregará os composteiros que restasen da mañá e fará unha breve presentación da tipoloxía dos residuos, de como se debe facer a separación do lixo e de como utilizar o compost para fertilizar plantas, tanto as de interior coma as de exterior. Tamén darán trucos para realizar té de compost co que regar e alimentar as plantacións e se fará incluso unha demostración do transplante dunha planta e dos pasos necesarios para fertilizala.