O Revitaliza colle velocidade en Valga e pon en marcha unha "repartición exprés" de composteiros ata o mes de febreiro

No día de hoxe realizáronse tres entregas e charlas informativas á veciñanza no centro social de Vilarello, en Cordeiro


01 decembro 2020

O Plan Revitaliza de compostaxe está collendo velocidade en Valga para ter implantado o modelo de xestión de lixo antes do mes de marzo. Nas vindeiras semanas está previsto unha repartición exprés de composteiros individuais con ata tres reunións por día, varios días á semana, co obxectivo de que a finais de febreiro a meirande parte da veciñanza estea familiarizada coa compostaxe e xestionando os seus propios biorresiduos.

No día de hoxe, o persoal técnico do Revitaliza estivo no centro social de Vilarello, na parroquia de Cordeiro, onde se fixo unha entrega de composteiros, remexedores, termómetros e manuais de uso a 36 familias da zona, ás que tamén se lle deu unha charla informativa na que se resolveron todas as súas dúbidas. As reparticións fixéronse en tres quendas para cumprir coas indicacións de prevención sanitaria anti COVID-19 e que fosen máis áxiles e eficaces á hora de comunicarse coa veciñanza.

A repartición continuará outra vez en Cordeiro este xoves 3 de decembro, tamén en tres quendas, coa intención de chegar polo menos ao 40 % das vivendas da zona, onde xa se fixeran outras reunións anteriores.

O calendario de entregas continuará este mes de decembro, xa na parroquia de Campaña, onde existen 353 vivendas, os días 10, 15 , 17, 22 e 29 de decembro a razón duns 70 domicilios por día. No mes de xaneiro realizarase a 16.ª entrega o día 5, para seguir os días 7, 12, 14, 191, 21, 26, e 28 nas parroquias de Setecoros, con 250 vivenda, e Valga , con 339.

Con esta actividade ‘express', o Revitaliza e o Concello de Valga pretenden repartir 1.300 composteiros individuais (e os seus apeiros correspondentes) ao longo das cinco parroquias que compoñen o territorio do concello. Trátase na súa maioría de núcleos eminentemente rurais nos que as vivendas en altura son escasas e nos que a maioría das edificacións contan cunha parcela onde poder situar o composteiro.

Debido a isto a cantidade de centros de compostaxe comunitaria a instalar é baixo, e simplemente darán servizo ás áreas de edificación en altura situadas nas proximidades da casa consistorial e ao comedor dunha escola na que comen un número elevado de alumnas e alumnos. Neste sentido, en breve inaugurarase o segundo centro de compostaxe comunitaria nas inmediacións do concello.

A poboación total do concello rolda os 5.900 habitantes polo que entre a compostaxe comunitaria e individual preténdese dar cobertura á práctica totalidade. Ademais de financiar a entrega de composteiros o Revitaliza tamén subvencionará a compra dunha máquina trituradora destinada á transformación de residuos vexetais en material estruturante que complemente o proceso de compostaxe.