O Revitaliza chega con éxito á Reserva da Biosfera de Illa do Príncipe

O persoal técnico da illa africana recolle nun vídeo como, trala súa formación en compostaxe en Pontevedra, mantén xa en funcionamento 5 composteiros comunitarios e 150 individuais


23 decembro 2022
Illa Príncipe

O Revitaliza, o modelo de xestión de residuos da Deputación de Pontevedra baseado no tratamento en kilómetro cero dos biorresiduos, está a despregarse con éxito na Illa do Príncipe, un territorio de 142 quilómetros cadrados e preto de 10.000 habitantes declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. O persoal técnico da illa africana vén de recoller nun vídeo como, despois da súa formación en Pontevedra xunto aos mestres composteiros provinciais, teñen xa despregados e en funcionamento cinco composteiros comunitarios e 150 composteiros individuais.

Dende Príncipe explican que están satisfeitos por dar unha segunda vida ao lixo orgánico a través da compostaxe, un sistema que coñeceron na provincia pontevedresa grazas á intermediación do SMILO (Small Islands Organization da Unesco) e do CEIDA ante o Revitaliza. De feito, durante máis de dous meses a finais de 2020 catro persoas designadas polo goberno de Príncipe estiveran adquirindo coñecemento e técnicas da man das e dos mestres composteiros do Revitaliza nos diferentes concellos da provincia.

No vídeo participan o presidente do goberno rexional de Príncipe Filipe Nasa, a responsable de Smilo Damitille Le Huede, e a directora rexional de Ambiente e Conservación da Natureza de Illa do Príncipe, María Xosé Praceres, quen estivera en Pontevedra coa delegación africana. Destacan que querían replicar o modelo de xestión de residuos da provincia de Pontevedra adaptándoo ás características do territorio cunha dupla función: evitar que o lixo contamine unha contorna natural de grande valor e, ao mesmo tempo, dar unha solución para evitar os fertilizantes químicos e achegar nutrintes á terra de modo natural co compost. Este fertilizante biolóxico será repartido entre as cooperativas agrícolas da illa.

A nivel práctico, o técnico Alberto Leal -tamén integrante da comitiva de Príncipe-, explica que a experiencia en Pontevedra foi boa. Iso, xunto a que tamén houbo persoal provincial que se trasladou á illa para supervisar os primeiros pasos, permitiu aplicar técnicas para implementar cinco composteiros comunitarios e repartir 150 composteiros individuais dando nocións á poboación de como aproveitar os residuos orgánicos. No territorio africano, xunto aos residuos verdes os orgánicos supoñen o 70% do lixo.

Segundo explicou Leal, nestes momentos o proxecto Revitaliza xa aplicado a Príncipe pretende crear comités locais nas diferentes comunidades do Estado onde están os centros de compostaxe comunitarios para así responsanbilizar á cidadanía e manter a consciencia de que o orgánico debe ir para os composteiros. Desta maneira o traballo dos catro mestres composteiros locais será espallado e poderá callar máis na poboación.

A expansión do Revitaliza non só queda en Príncipe. Tamén se está a expandir en Guinea Biseau, cuxos responsables políticos visitaron Pontevedra para coñecer de primeira man o modelo. Neste caso, ao ser unha illa veciña a Príncipe, serán os propios técnicos deste país quen visitarán e formarán ao persoal guineano.

Ante todo este despregue, o vicepresidente Mosquera amosou a súa satisfacción polo interese amosado no modelo pontevedrés e que este estea a dar resultados produtivos.  "Nós ofrecémoslles coñecemento, información recollida de moitos lugares e organizada, funcionando na práctica, con todos os detalles que hai que ter en conta. Eles agora están a adaptala e axustala ás súas características e intereses e vese que é un modelo exportable e con resultados", subliñou.

O vídeo de Illa de Príncipe e como está a desenvolver a compostaxe pódese consultar en https://www.youtube.com/watch?v=i_aN3XcplJA.