O Plan Revitaliza da Deputación pasa a barreira dos 5.000 composteiros individuais xestionados na provincia

O deputado Uxío Benítez subliña que o ano 2020 "marcará un antes e un despois" xa que o plan provincial consolidarase e permitirá a varios concellos cumprir a normativa europea


05 febreiro 2020
Composteiros Barro

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra entregou e xestiona xa máis de 5.000 composteiros individuais na provincia a través do seu plantel de mestras e mestres composteiros. Así o confirmou o deputado Uxío Benítez durante unha visita ao concello de Barro, onde no día de hoxe se está a realizar unha entrega de composteiros entre a veciñanza ao abeiro do plan provincial.

O deputado responsable do Revitaliza sinalou que estamos nun momento histórico no que a preocupación ambiental forma parte de toda a sociedade, con retos moi grandes a resolver. Lembrou que a Unión Europea estableceu que a finais de 2020 se deberá reciclar o 50% dos residuos que se xeran, mentres que Galiza está no 10%, e a Deputación de Pontevedra e a única administración que decidiu dun xeito valente afrontar ese reto.

Explicou que varios dos ‘concellos Revitaliza' poderán chegar ao obxectivo da UE porque neste ano 2020 o plan provincial vaise consolidar, aumentando o número de centros de compostaxe comunitaria instalados e de composteiros individuais entregados e xestionados. "Este será o ano Revitaliza e marcaremos un antes e un despois, vendo como os concellos máis avanzados van conseguir o obxectivo de ser dos primeiros de Europa", indicou.

Coa visita a Barro, explicou Benítez, quíxose simbolizar a importancia do ano que comeza no cumprimento de obxectivos, xa que na entrega de composteiros individuais de hoxe –unha pola mañá e outra ás 19.30h- sobrepasarase a cifra chave dos 5.000 composteiros individuais do Revitaliza na provincia. "Queremos trasladar á sociedade a importancia de que este ano vai ser un ano de consolidación que sustentará a Pontevedra como referencia a nivel internacional. A finais de ano poderemos ter datos e exemplos polo cumplimento da normativa", insistiu.

Nestes momentos os concellos máis adiantados no reparto e xestión de composteiros individuais (COIN) son os que recibiron as subvencións da ‘Liña 2' da Deputación, con case 1.200 no concello de Vilaboa, 1.100 en As Neves, preto de 900 en Mondariz, de 600 en Pontevedra, máis de 300 en O Grove, e 100 entre as familias de Mondariz Balneario.

 

Barro

Pola súa banda, o alcalde de Barro agradeceu á Deputación a posibilidade que dá aos concellos para introducirse no mundo da compostaxe dos residuos orgánicos. Destacou que é unha satisfacción que sexa na provincia de Pontevedra "onde haxa unha administración que puxera en marcha este proxecto que está a ser exemplo en moitos lados".

Insistiu en que "os concellos pequenos temos máis dificultade para poñer en marcha estas iniciativas a pesares de que nos encantaría facelas con tódalas consecuencias, por iso o apoio da Deputación é fundamental". Animou a toda a veciñanza a participar da compostaxe subliñando que cada vez vaise implicando máis xente: "Agardamos que pronto poidamos cumplir os parámetros ideales para que a contaminación polos residuos sexa a menor posible", dixo.

Nestes momentos o Concello de Barro ten lista de agarda para recibir composteiros individuais. No día de hoxe está previsto entregar 14 facilitados pola Deputación, unha cifra coa que únicamente se pode cubrir a demanda das persoas que primeiro amosaron interese en compostar dentro do municipio. "Hai unha relación de familias que están a agardar", dixo Abraldes, para sinalar que o Concello de Barro tamén ten outras 70 vivendas que practican a compostaxe e solicitará máis tan pronto sexa posible.