O 2020 será o "Ano Revitaliza": todos os concellos adheridos na provincia estrearán centros comunitarios e composteiros individuais

O 2019 pechou con datos á alza, con 127 composteiros comunitarios instalados e 5.545 individuais repartidos, e espérase chegar neste exercicio a 170 comunitarios e uns 7.100 individuais


01 xaneiro 2020
Centros de Compostaxe Comunitaria

Que a compostaxe se está a converter en algo global na provincia é algo anunciado e comprobado con datos. No ano 2019 a Deputación, ao abeiro do Plan Revitaliza, repartiu 127 centros de compostaxe comunitaria e outros 5.545 composteiros individuais nos concellos. Estes números medrarán significativamente no ano que acaba de comezar, xa que a veciñanza poderá compostar os seus biorresiduos en ata 170 centros comunitarios e arredor de 7.100 individuais, segundo as contas do persoal técnico provincial.

O obxectivo é que o 2020 se converta no "Ano Revitaliza" e, por un lado, que os concellos que aínda non deron pasos adiante se animen e comproben as bondades do modelo e, por outro, que aqueles que xa están máis adiantados sigan avanzando para consolidar a súa xestión e cumprir as obrigas legais canto antes. A cidadanía, ademais, está a empurrar para que as administración locais sexan máis sostibles, xa que na maior parte dos concellos onde se fixeron xornadas informativas sobre compostaxe, creáronse listas de agarda de veciñas e veciños, os que amosaron o seu interese en reciclar o lixo orgánico en futuros centros de compostaxe comunitaria (CCC) e en ter composteiros individuais (COIN).

Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para entender o sistema con medios de titularidade municipal. O concello de Vilaboa vai incluso máis adiantado, xa que, ademais de ser no que se repartiron máis composteiros proporcionalmente, está a traballar na modificación da ordenanza de lixo. Alí están instalados 14 centros de compostaxe e a previsión é chegar aos 1.200 composteiros individuais entregados ás e aos veciños con casas con horta.

En Pontevedra as cifras en 2020 pasarán dos 25 centros de compostaxe actuais a 30 e espérase chegar aos 800 composteiros individuais repartidos no exercicio actual. No Grove a previsión é ter 11 CCC e alcanzar os 600 individuais, mentres que en Mondariz e Mondariz-Balneario prevense 13 e 10 CCC, e 900 e 100 composteiros individuais, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos cinco actuais e os COIN entregados subirán aos 1.104.

En canto aos concellos recentemente incorporados á Liña 2, o obxectivo é que Poio instale o seu primeiro composteiro comunitario e reparta arredor de cen composteiros individuais. Pola súa banda, A Illa de Arousa subirá a tres os centros de compostaxe comunitaria e chegará ata os 715 COIN repartidos; e Tomiño ampliará a tres os CCC e chegará aos 300 COIN.

Ampliar e estrear

Outro dos obxectivos do equipo provincial do Revitaliza, coas mestras e mestres composteiros á fronte facendo o traballo técnico e de concienciación da veciñanza porta a porta, será aumentar as instalacións dos centros comunitarios nos concellos que xa dispoñen de algúns –aínda que a través de cesión da institución provincial– co obxectivo de que os gobernos locais sexan cada vez máis autónomos e se encarguen do seu mantemento. Nesta situación estarán Vilagarcía de Arousa, Portas, Campo Lameiro, Barro, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Cangas, Moaña, Soutomaior, Redondela, Baiona, Gondomar, O Porriño, Tui, Oia, O Rosal e Ponteareas. Salceda de Caselas, pola súa banda, está xa no límite dos cinco centros de compostaxe propiedade da Deputación, e deberá dar o salto de maneira inminente á Liña 2 para continuar con medios da súa titularidade.

Finalmente, e para que todos e cada un dos 44 concellos adheridos comproben as bondades do modelo, a Deputación traballará, nos vindeiros doce meses, para que os que non teñen ningún CCC se volvan proactivos e dean os seus primeiros pasos. Desta maneira, concellos como Valga, Catoira, Cuntis, Meis, Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda, Ponte Caldelas, Marín, A Guarda, Covelo, Salvaterra de Miño ou Poio deberán contar co seu primeiro centro de compostaxe.

Existe normativa galega, estatal e europea que obrigará a reciclar o 50 % do lixo neste ano 2020, e en breve será necesario recoller e tratar de forma separada o 100 % da fracción orgánica, ben mediante compostaxe ou usando outras vías sustentables. A Deputación daralles unha oportunidade a todos os concellos para avanzar co plan, pero a implicación municipal será fundamental e mesmo imprescindible, xa que a institución advirte de que, sen ela, haberá que estudar de novo a adhesión do concello ao Revitaliza para priorizar e concentrar esforzos e medios nos concellos que realmente queiran aplicar o plan de forma seria.

Aqueles municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe, engrosando a lista que forman Moraña, Vilanova de Arousa, Meaño, Golada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Pazos, Fornelos, A Lama, Mos, Nigrán, Arbo, Cañiza e Crecente, que a día de hoxe nin están no Revitaliza nin contan cun plan específico para cumprir a nova normativa europea. A esta lista súmase o concello de Vigo, fóra do cómputo ao non poder entrar no plan provincial polo seu elevado número de habitantes.