Nova inxección de 2.000.000 de euros para que os concellos da provincia apliquen a compostaxe como modelo de xestión do lixo

César Mosquera explica que a Deputación abre a adhesión ao Plan Revitaliza de novo debido aos cambios normativos que obrigarán aos concellos a recoller o 100 % dos biorresiduos de xeito separado en 2020


12 xullo 2018
A Deputación de Pontevedra vai inxectar outros 2.000.000 de euros para que os concellos da provincia apliquen a compostaxe como modelo de xestión de lixo. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen destacou que a institución provincial decidiu abrir de novo a adhesión ao Plan Revitaliza e conceder novas axudas económicas aos gobernos locais debido aos últimos cambios normativos europeos e estatais que obrigarán aos concellos a compostar ou recoller de xeito separado os seus biorresiduos con data límite de 31 de decembro de 2020.
 
Mosquera explicou que a día de hoxe hai 36 concellos na provincia adheridos ao Plan Revitaliza, dos que seis están a traballar para que toda a súa poboación composte os restos orgánicos da cociña e vexetais –o 53 % da bolsa do lixo–, así como outros que tamén levan camiño adiantado. Apuntou que non estaba nas previsións da Deputación ampliar a convocatoria de adhesión, pero que a raíz dos últimos movementos da Comisión e o Parlamento Europeo, e do borrador da nova Lei de residuos, considerouse "oportuno dar o paso" para facilitar aos concellos o cambio e transición nos sistemas de recollida e tratamento. "Sabemos que vai haber avaliacións e sancións. Pode que haxa certa moratoria, pero no Estado hai interese en apurar a norma porque a día de hoxe non se cumpre os obxectivos de separación e reciclaxe", abundou.
 
Así, o vicepresidente explicou que a Deputación abrirá unha nova convocatoria que vai permitir a novos concellos incorporarse ao plan provincial e recibir axudas para mercar composteiros individuais, comunitarios, maquinaria e outro tipo de material necesario para poñer a andar a compostaxe. "Entendemos que para botar a andar o proceso ten uns custos, pero sabemos que cando estea plenamente en marcha abaratará o sistema, e a Deputación quere axudar aos concellos para que poidan cumprir", insistiu.
 
Os novos ‘concellos Revitaliza', así como os que xa están adheridos pero non teñen dado pasos adiante na compostaxe, poderán optar a subvencións de ata o 70 % dos gastos realizados para material se ben, de haber suficientes fondos, as achegas poderán incrementarse ata o 90 % do investimento. En total repartiranse dous millóns de euros, o que supón unha cifra moito maior que os 1,2 repartidos na primeira convocatoria. Segundo dixo Mosquera, a posta en marcha da nova liña de axudas é non só un esforzo económico, senón tamén un sobreesforzo técnico, xa que "é un pulo non previsto que suporá duplicar o actual volume de traballo: un salto adiante para o Revitaliza non só en cantidade, senón tamén en calidade".
 
O nacionalista sinalou que as bases das axudas aprobaranse nos vindeiros días en Xunta de Goberno e serán publicadas no Boletín da Provincia en breve. Os concellos terán tres meses para presentar as súas solicitudes e despois terán marxe para facer as súas contratacións e xustificacións da subvención.