Máis de 7.000 escolares da provincia aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ás actividades do Plan Revitaliza

A deputada Eva Vilaverde e a tenente de alcalde de Pontevedra Carme da Silva agradeceron ao alumnado o seu compromiso "por un mundo mellor" na apertura do Congreso Escolar celebrado no Pazo da Cultura


21 maio 2019
Congreso sobre a compostaxe

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra puxo punto final ás actividades educativas sobre compostaxe deste curso coa participación de 7.000 escolares en toda a provincia. No día de hoxe celebrouse o colofón ao traballo realizado: o III Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe, no que se puxeron en común experiencias e proxectos seleccionados de entre todos os centros escolares da provincia que participaron na iniciativa.

Nesta xornada de hoxe foron protagonistas máis de 150 nenos e nenas dos colexios CEIP A Reigosa de Ponte Caldelas, do IES Terra de Turonio, e os convidados Divina Pastoura (Ourense) e CEIP Ría do Burgo de Culleredo (A Coruña). Os propios autores e autoras dos traballos deron a coñecer as súas iniciativas en compostaxe e redución de residuos a través de vídeos, cancións, ‘power points' e diferentes iniciativas divulgativas.

A deputada Eva Vilaverde deu os parabéns ao CEIDA pola colaboración coa Deputación na divulgación sobre compostaxe nos centros de ensino de toda a provincia e pola organización do Congreso. "Que 7.000 rapazas e rapaces teñan participado nas actividades do Revitaliza xa é un éxito en si mesmo", asegurou. Tamén agradeceu o labor de mestres e mestras dos centros de ensino por ser "pata fundamental dentro do sistema para conseguir unha sociedade e un futuro sustentable" e, sobre todo, ás e aos escolares que participaron na iniciativa.

"Sodes importantísimos. Estades a funcionar de axentes socializadores da compostaxe, sodes fundamentais para concienciar á sociedade, ás vosas familias, á veciñanza e amizades. Ningún proxecto ou idea funciona se non se consigue implicación da xente, e no caso do Plan Revitaliza comezou a andar hai case catro anos e está funcionado máis rápido do que tiñamos previsto. Vós tendes unha importancia fundamental porque con estes proxectos que fixestes na escola informades e concienciades. Grazas por facelo así de ben e por tervos sumado ao tren da compostaxe", indicou a nacionalista.

Pola súa parte, a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra Carme da Silva deu a benvida a Pontevedra a todos os nenos e nenas e agradeceu a visita que, segundo dixo, vale para que os adultos "aprendamos do que facedes". "Vós, mozos e mozas sodes o presente, as persoas que co voso coñecemento ides empurrando de nós", destacou, asegurando que pola experiencia que hai en Pontevedra coa compostaxe "as persoas menores son as que tiran do resto para que fagan as cousas ben".

"Teño que felicitarvos polo voso compromiso para que poidamos vivir nun mundo mellor, porque sabedes como hai que facer as cousas e estades dispostas a aprender constantemente. Estou segura de que cando sexades o que queirades no futuro esta aprendizaxe de agora vaivos servir para construír un mundo moito mellor, facéndoo moito mellor do que o estamos a facer agora as persoas adultas", subliñou.

O director do CEIDA Carlos Vales aproveitou a apertura do Congreso escolar para manifestar a súa satisfacción polo feito de que a Deputación "contara con nós para colaborar e poñer en marcha un sistema de xestión do lixo exemplar". Vales subliñou que a xestión dos residuos é un problema que está en todas as sociedades do mundo, sendo os responsables e decisores políticos os que teñen a obriga de pensar como resolvelo e a cidadanía a obriga de contribuír a resolvelo.

O responsable do CEIDA indicou á rapazada que os principais interesados en mellorar a situación ambiental do planeta deben ser eles mesmos, e lembrou á estudante sueca que provocou unha mobilización en toda Europa contra o cambio climático porque estaba farta de que non se facía nada. "Tedes que pensar e responsabilizarvos obrigándonos aos adultos a que o mundo non sexa peor. O esforzo que estades a facer de sensibilizarvos a través da vosa propia experiencia na compostaxe é moi importante porque vai servir tamén para contarllo a outras comunidades educativas que poden aprender de vós", destacou.

Traballos escolares

A xornada do congreso de compostaxe comezou coa exposición do traballo dos máis pequenos, alumnos e alumnas de 4º e 6º de Infantil e 1º de Primaria do CEIP A Reigosa de Ponte Caldelas. Con varios vídeos e unha canción sobre compostaxe con coreografía incluída amosaron o proxecto ‘Compositivamente', enmarcado dentro do plan ‘A Revolución ecolóxica' que se está a desenvolver dende setembro pasado, dende o que con carácter mensual cada aula adícase a afondar en temas como o coidado do aire, do solo, a reciclaxe, as enerxías renovables, o consumo responsable, o coidado da flora e tamén da fauna ou o aforro de auga.

Entre os obxectivos que se tiña pensado acadar estaban reducir o volume de residuos xerados nos fogares e reutilizar os residuos orgánicos na elaboración dun abono natural; promover a reciclaxe entre as familias; desenvolver unha conciencia polo coidado do medio ambiente;  dar a coñecer o proceso de elaboración do compost e vermicompost e os beneficios ; comprender o funcionamento do composteiro e coñecer os materiais que deben e non deben depositarse nel; e mellorar a calidade do solo e o crecemento das plantas grazas aos restos orgánicos. Todo isto exemplificárono perfectamente explicando como recollían os restos orgánicos das merendas na aula e con algún lixo traído da casa, como o poñían na composteira e como despois  utilizaron o compost na horta escolar, facendo bolas para sementar ou o aplicaron na repoboación de árbores logo dos lumes.

No caso do IES Terra de Turonio, o proxecto desenvolveuse tendo como obxectivo promocionar o uso da composteira comunitaria ubicado ao lado do centro de ensino en Gondomar. Buscábase conseguir un aumento importante no uso da composteira comunitaria; dar a coñecer  a importancia da compostaxe para o medio ambiente; desenvolver no alumnado a conciencia ecolóxica e medioambiental e un compromiso persoal ante a redución dos residuos e co uso dos composteiros comunitarios e individuais. Para isto as mozas e mozos realizaron o seu propio ‘merchandising' para fomentar a compostaxe, con trípticos, imáns e incluso xogos de aprendizaxe que difundiron entre a veciñanza da vila.

As experiencias doutras provincias galegas tamén tiveron oco no congreso. Así, o Colexio Divina Pastora de Ourense presentou o programa de compostaxe que teñen no centro: montaxe de compostadores,  horta escolar,  saídas en bicicleta ou andando a compostar,  plantacións,  invernaderos,  charlas, e o seu programa ‘Ecovixiantes'. O CEIP Ría do Burgo (A Coruña) presentou o programa ambiental do centro: reciclaxe, patrullas verdes, compostaxe, horto escolar, plantacións e campañas de concienciación.

Durante a xornada tamén houbo tempo para o teatro coa peza ‘Cartoóns', de Josito Porto e Víctor Mosqueira, que foi creada especificamente para o anterior congreso de compostaxe pero a día de hoxe está tamén representándose en diferentes teatros galegos.

Galería de fotos

Vídeos