Isaac Peraire, director da Agència de Residuos de Catalunya sobre o revitaliza: "gústanos mirar aos que o fan mellor ca nós"

Unha delegación catalana foi recibida hoxe polo vicepresidente César Mosquera e percorreu varios concellos para coñecer de primeira man o modelo ‘quilómetro zero' de compostaxe


21 outubro 2021
Delegación 'quilómetro zero' de compostaxe

Unha delegación da Agència de Residus de Catalunya iniciou hoxe a súa visita á provincia de Pontevedra para coñecer de primeira man o modelo de compostaxe local de ‘quilómetro zero' do Plan Revitaliza. Trátase dun encontro que durará dous días no que se pretende  intercambiar coñecemento e, ademais de amosar o modelo pontevedrés, aprender das iniciativas que se están a aplicar en Cataluña, un dos territorios do Estado máis solventes en materia de residuos.

Na mañá de hoxe tivo lugar unha recepción institucional no Pazo Provincial na que estiveron o vicepresidente César Mosquera, o asesor Carlos Pérez e persoal técnico do Revitaliza, así como o director Isaac Peraire, Pilar Chiva como directora da área de Economía Circular, Josep Simó da área de Infraestructuras e Francesc Giró como director de Planificació Estratègica, persoal técnico ao máis alto nivel da Agència.

O máximo responsable político da axencia, Isaac Peraire, amosouse agradecido á equipa da Deputación polos dous días de traballo na provincia. A  de Pontevedra, dixo, é a súa primeira viaxe unha vez que o novo goberno de Catalunya creou unha consellería de Acción Climática na que están englobadas tanto as áreas de residuos, agricultura como cuestións ambientais. Segundo asegurou, a visita para coñecer o Revitaliza organizouse porque "gústanos mirar aos que o fan mellor ca nós".

Peraire recoñeceu que "hai un ámbito específico que queremos aprender de aquí", e a pesares de que hai tempo que existen as relación entre os dous entes, "agora queremos dar saltos adiante, e por iso os dous días imos aproveitar para coñecer máis e mellor os aspectos técnicos e legais da compostaxe en quilómetro zero, que é unha filosofía e unha forma de traballar que queremos aplicar tamén en Cataluña, en diferentes sitios e territorios do noso país".

Insistiu en que "é o momento das grandes cidades, por iso queremos fixarnos como fai Pontevedra, pero tamén ver como se fai noutros municipios pequenos. Estou moi esperanzado e seguro de que imos aproveitar a viaxe moito", subliñou.

Sobre a posible achega catalana ao Plan Revitaliza, Peraire explicou que Cataluña está a aplicar o modelo de recollida porta a porta como fórmula para realizar unha "selectiva de alta eficiencia".

 "O porta a porta para nós ten uns resultados boísimos, mais é moi importante que os municipios grandes dean o salto. En Cataluña xa comezamos a ter municipios grandes, de feito incluso a propia capital está a ter proxectos que se están a apoiar dende a Agència, estamos ao seu lado. Hai que falar das vantaxes, dos problemas. É un sistema que se ten que adaptar (…) o que o fai súper interesante, porque o modelo pódese singularizar para cada localidade", dixo.

O vicepresidente Mosquera, pola súa banda, subliñou que ademais de explicar o modelo pontevedrés, "unha experiencia que está a funcionar bastante mellor que outras que teñen amosado limitacións", a Deputación pretende sacar partido da visita e o ‘know how' catalá.  Explicou que a intención é que o persoal do Revitaliza -e incluso se é posible unha delegación dos concellos da provincia- visiten tamén Cataluña para coñecer a dinámica de traballo da Agència, "que está a traballar dende hai moitos anos e ten aspectos bastantes bos e é do máis avanzado do Estado".

Mentres non se produce esa visita, explicou Mosquera, nas sesións de traballo de hoxe e mañá "imos intercambiar e sacar todo o que poidamos" porque "neste mundo dos residuos, no que está todo por facer, hai que mirar para non gastar recursos e esforzos en vías que non sexan as óptimas. Ver en todos lados para atopar as solucións".

Visita a Moaña, Vilaboa e Poio        
Unha vez rematada a recepción institucional da mañá, a delegación catalana trasladouse ata o concello de Moaña, onde foi recibida pola alcaldesa Leticia Santos e visitou os centros de compostaxe da Praza de Abastos e da praza Lola Diz recibindo unha explicación da xestión dos centros a cargo da mestra composteira responsable.

Posteriormente a xornada continuou en Vilaboa, cunha visita ás instalacións de Monte do Cabalo onde presenciaron as tarefas de trituración do punto verde para dotar de estruturante aos centros de compostaxe. Finalmente coñeceron o centro de compostaxe do xeriátrico, un produtor singular, que se xestiona de maneira específica.

Unha vez rematado o traballo en Vilaboa as representantes da Agència trasladáronse a Poio para visitar os centros de compostaxe da Praza Ferreirós. A xornada finalizou pola tarde coa explicación sobre a compostaxe no Príncipe Felipe e Carlos Oroza (produtores singulares).

No día de mañá celebrarase no salón de actos do Pazo Provincial unha Xornada Aberta de Residuos á que asistirán preto de medio cento de representantes dos concellos Revitaliza. O programa inclúe unhas palabras do vicepresidente César , do director da ARC Isaac Peraire , un repaso histórico, análise resultados e perspectivas do Revitaliza a cargo de Carlos Pérez Losada, e un repaso histórico, resultados e previsións en Catalunya sobre ‘Novos retos: Compostaxes Locais, Recollidas Porta a Porta (PaP) e Agro/Compostaxe' a cargo de Francesc Giró i Fontanals, director de Planificació Estratègica de l'ARC.

Pola tarde, para finalizar a viaxe, a delegación catalana visitará os centros de  compostaxe comunitaria de Pontevedra situados en Xeneral Rubín, Alcalde Hevia,  Ponte Boleira, e Eduardo Pondal.