Grande acollida da carpa informativa do Revitaliza en Cambados

Máis de 50 familias están en lista de agarda para recibir un composteiro individual no que tratar os seus biorresiduos


12 febreiro 2020
Carpa informativa do Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra iniciou unha nova campaña sobre compostaxe coa instalación en diferentes concellos dunha carpa informativa na que dar a coñecer o Plan Revitaliza e a animar á veciñanza a compostar ben cun composteiro individual no caso de familias con casas con horta ou ben en centros de compostaxe comunitaria nas zonas máis urbanas. No día de hoxe o destino da carpa foi o Concello de Cambados, onde as mestras e mestres composteiros provinciais tiveron unha grande acollida e receptividade por parte da cidadanía.

A carpa montouse aproveitando o habitual mercado, próxima aos postos de venda, e foron moitos os cambadeses e cambadesas as que se achegaron para recibir información e consultar as súas dúbidas. O goteo de interesados e interesadas foi continuo e repartíronse mostras de compost, plantas, guías de compostaxe e material divulgativo para facilitar a compostaxe.

No posto informativo as mestras e mestres composteiros deron explicacións sobre os composteiros individuais para ter no fogar, e tamén sobre como funcionan os centros de compostaxe comunitaria (CCC), xa que nestes momentos o concello dispón de dous en funcionamento e hai previsión para instalar outros catro máis repartidos en diferentes zonas da vila.

O interese pola compostaxe no Concello de Cambados tense activado ultimamente, xa que se está a avanzar na repartición de composteiros individuais. Están xa esgotados os facilitados pola Deputación de Pontevedra e a día de hoxe, incluíndo as solicitudes recollidas na carpa, hai unha lista de agarda que pasa do medio cento de familias.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.