Grande acollida da carpa informativa do Plan Revitaliza instalada hoxe en Moaña

As mestras composteiras da Deputación atenderon a unhas 130 persoas e rexistraron 25 solicitudes para recibir composteiros individuais


02 setembro 2020
Carpa Moaña Revitaliza

A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación tivo hoxe unha grande acollida na súa visita a Moaña, o primeiro dos tres concellos do Morrazo que visitará esta semana. As mestras e mestres composteiros atenderon ao longo da mañá a preto de 130 persoas interesadas na compostaxe, tanto sobre os composteiros individuais como sobre os composteiros comunitarios. A afluencia de persoas foi continua e preto de finalizar a xornada xa se formalizaran 25 inscricións para dispoñer dun composteiro individual.

Segundo explica o persoal da Deputación, todas as persoas que hoxe solicitaron o COIN poderán recollelo proximamente logo dunha charla de formación específica xunto con todo o material necesario (remexedor, termómetro e guía de uso). Para a veciñanza interesada en ter un composteiro en breve aínda quedan oportunidades para prescribirse. Ademais da xornada de hoxe no barrio de Seara, a carón do composteiro comunitario na rúa Concepción Arenal, a veciñanza do Morrazo tamén recibirá a carpa mañá xoves día 3 de setembro en Bueu a carón da praza de abastos; e o venres día 4 de setembro en Cangas, na praza do concello.

Na mesa informativa de hoxe, as e os cidadáns que se achegaron recibiron explicacións do persoal técnico provincial sobre a compostaxe e como se debe xestionar o lixo orgánico, xa que a finais deste ano a Unión Europea esixirá un tratamento sustentable. A intención das xornadas informativas coa carpa está en que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e que a compostaxe converte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost.

As persoas, ademais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, recolleron diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas) e puideron levar unha mostra de compost.