Éxito na posta en marcha do novo centro de compostaxe comunitaria do Parque das Ánimas en Gondomar

O persoal técnico do Revitaliza explicou o funcionamento do composteiro á veciñanza, moi receptiva e interesada na posibilidade de utilizar o compost producido


09 xaneiro 2020
Parque das Ánimas en Gondomar

O novo centro de compostaxe comunitaria situado no Parque das Ánimas de Gondomar xa funciona a pleno rendemento. Na mañá de onte o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra realizou, con éxito de convocatoria, unha charla informativa entre a veciñanza da zona para explicar o funcionamento e como achegar o lixo orgánico ao composteiro en lugar de depositalo no colector verde habitual.

Segundo explican as mestras e mestres composteiros, todas as veciñas e veciños que acudiron á convocatoria mostráronse moi receptivos ante o novo modelo de xestión do lixo. O persoal técnico deu unha pequena charla formativa e indicou ás persoas asistentes como achegar os restos de comida e vexetais do lixo doméstico. Fixéronse "prácticas" cos biorresiduos que levaron nos seus caldeiros varias persoas, botando os restos dentro do módulo aberto e tapándoos con estruturante.

A maior parte das e dos participantes manifestaron a súa satisfacción polo fácil e sinxelo que é compostar, e tamén subliñaron os beneficios e a mellora ambiental deste modelo de xestión do lixo, polo que se agarda que as achegas da veciñanza empecen a producirse de maneira continua nos vindeiros días.  Por outra banda, tamén houbo moita sorpresa ao coñecer o custe real do sistema actual de recollida dos colectores e do seu posterior tratamento, que rolda unha media de 120 euros por familia ao ano, se ben a taxa do lixo é sensiblemente inferior na maior parte dos concellos da provincia.

As preguntas máis frecuentes que tivo que responder o persoal técnico foron relativas a posibles cheiros, á necesidade de tapar o lixo con estruturante, e a quen se vai ocupar da xestión dos composteiros. Os mestres e mestras composteiros explicaron que os malos olores non se producen nunca cando hai un seguimento e control, xa que eles se encargan de vixiar os niveles de enchido, de se a mestura entre o lixo e o estruturante é a correcta, de facer os remexidos correspondentes, de tomar as temperaturas para garantir que o compost se hixieniza, e de facer as trasfegas dos materiais entre os módulos de maduración. Ante as explicacións, as e os asistentes aplaudiron que a compostaxe sexa un proceso controlado e que haxa sempre unha figura técnica á que acudir se hai dúbidas ou problemas de calquera tipo.

Finalmente, houbo moito interese sobre o aproveitamento do produto final: o compost. Este estará a disposición da veciñanza que participa na compostaxe, que poderá levalo para usar en hortas e macetas solicitándollo á mestra ou mestre composteiro.  Tamén houbo preguntas sobre as datas de reparto de composteiros invididuais para vivendas con horta.

A día de hoxe, no Concello de Gondomar están operativos dous centros de compostaxe comunitaria, o recén instalado, e outro nas inmediacións do supermercado Froiz, funcionando de forma moi satisfactoria. Neste último centro lévanse xestionado dende a súa posta en marcha máis de 31 toneladas de residuos orgánicos e restos vexetais, e producido 31 lotes de compost.

Así mesmo, o Concello acaba de recibir por parte da Deputación 88 composteiros individuais para casas con horta que serán repartidos próximamente entre a veciñanza. Tamén existen composteiros individuais específicos para produtores singulares nos centros educativos de Educación Infantil Souto Donas e no IES Terra de Turonio, no que hai unha implicación do alumnado moi importante.

Fotos