Escolares do CEIP Campolongo xogan coa compostaxe para aprender a xestionar os residuos orgánicos

A vindeira semana participarán na iniciativa do Plan Revitaliza o CEIP Xunqueira I e o IES Valle Inclán, cuxo alumnado visitará un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade


12 decembro 2018
CEIP Campolongo compostaxe

Rapazas e rapaces de primeiro e segundo curso de primaria do CEIP Campolongo están a aprender esta semana en que consiste a compostaxe a través dos xogos, charlas e obradoiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. En total son 150 as e os escolares que estes días están involucrados en coñecer máis sobre como facer dos biorresiduos un recurso como o compost.

Os xogos propostos polo persoal técnico do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) son actividades cooperativas e tradicionais adaptados á temática do lixo e que achegan conceptos sobre a compostaxe dun xeito lúdico. O xogo que máis éxito está a ter é o ‘Xogo da miñoca', no que a mascota educativa do Plan Revitaliza -un verme- vai facendo preguntas aos equipos formados nas clases sobre como se deben compostar os residuos orgánicos, que se debe botar na composteira e que non, onde se debe poñer a composteira, se é preciso remexer a composteira ou características do compost e as súas propiedades, entre outras cousas.

Polo medio do ‘Xogo da miñoca' as e os escolares teñen que ‘salvar' algúns contratempos como, por exemplo, atrasar casiñas ou pasar xogadas sen tirar cada vez que o seu grupo cae na icona de accións negativas para a compostaxe: achegas de pintura, medicamentos, plásticos ou lixo impropio á composteira, esquecer pechar a tapa desta…

A vindeira semana está prevista a realización de actividades no CEIP A Xunqueira I, así como tamén no instituto Valle Inclán de Pontevedra, onde haberá formación sobre compostaxe que culminará cunha visita a un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade de Pontevedra.

Este programa educativo sobre compostaxe que está a levar adiante a Deputación realízase xunto co CEIDA mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de primaria e secundaria de todos os concellos da provincia, independentemente de se están adheridos ou non ao programa provincial.

Os colexios, ademais das actividades que se desenvolveron en Campolongo, poden solicitar tamén outro tipo de obradoiros tales como 'Quen vive aí?', ‘Poñendo en marcha o composteiro' ou ‘'A voltas coa compostaxe' dirixidos a outras idades do alumnado, así como unha exposición itinerante, e tamén charlas para o profesorado e diversas actividades complementarias. Estas actuacións pódense aínda solicitar descargando o formulario da páxina web do Revitaliza (revitaliza.gal ou revitaliza.depo.gal) dentro do apartado de centros de ensino e presentándoo ao CEIDA no correo ceida@ceida.org. Tamén se pode obter información nos teléfonos 986505180 e 607351501 e no correo electrónico revitalizapontevedra@hotmail.com.

O obxectivo deste programa escolar do Plan Revitaliza é concienciar á comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e de responsabilidade na separación dos residuos orgánicos domésticos, un compromiso persoal ante a redución do lixo e co uso dos composteiros comunitarios, así como informar sobre a importancia necesaria da compostaxe como alternativa ao modelo actual de xestión do lixo, ao ser máis económica e ecolóxica.