Campo Lameiro estrea o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza

A veciñanza pode consultar dúbidas co persoal técnico da Deputación e depositar o seu lixo orgánico na composteira dende hoxe


16 maio 2019
Centro de compostaxe comunitaria en Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro vén de estrear o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Instalado na carballeira a carón da Casa Consistorial dará servizo á veciñanza da zona e ao bar restaurante Tito, e xa é posible depositar alí dende hoxe os restos orgánicos do lixo (restos de comida e vexetais) para que se convirtan en compost coa supervisión dos metres e mestras composteiras provinciais. Todas as persoas que desexen participar na iniciativa poden poñerse en contacto co persoal técnico que estará pola zona para resolver todas as súas dúbidas e facilitar información.

A intención da Deputación e do Concello de Campo Lameiro ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen –o que se denomina tratamento ‘en proximidade'- os biorresiduos de varias ducias de veciños e veciñas e do bar-restaurante, un produtor singular de lixo, e así evitar que vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para a súa incineración, co custe ambiental e económico que iso supón.

O centro de compostaxe comunitaria de Campo Lameiro será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade unha vez pasados os correspondentes meses de maduración. O persoal técnico encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta e que se tapa este coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e trasvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e vixiar que non se introducen na composteira elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

O Concello de Campo Lameiro está adherido ao Plan Revitaliza dende hai xa máis de dous anos, pero a instalación deste centro de compostaxe comunitaria aínda é o primeira. Hai que lembrar que a normativa europea obrigará aos concellos a recoller en 2020 o 100% da fracción orgánica do lixo de maneira separada para tratala de maneira sustentable, obxectivo que a día de hoxe poucos concellos están en condicións de cumprir.  Tamén será obrigatorio -en 2023- preparar para reciclar ou reutilizar o 50% da bolsa do lixo, o que non é posible se non se actúa sobre a parte orgánica, que supón case o 53% dos residuos domiciliarios segundo os estudos feitos polo persoal da Deputación nos concellos da provincia.