As aulas sobre compostaxe do Revitaliza saen ao patio no CEIP San Tomé de Cambados

Escolares de 5º e 6º de Primaria participaron hoxe no obradoiro ‘Quen vive aí?' organizado pola Deputación e asistiron ao nacemento dunha miñoca


25 marzo 2019
CEIP San Tomé de Cambados

Chegou a primavera ao Revitaliza e as actividades que se realizaban ata agora nas aulas saíron hoxe ao patio. Así aconteceu hoxe no CEIP San Tomé de Cambados, onde escolares de 5º e 6º de Primaria participaron no obradoiro ‘Quen vive aí?', un achegamento á 'vida interior' dos composteiros na que o alumnado puido identificar os bechos que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos do lixo e son parte fundamental do proceso para obter o compost.

Na xornada de hoxe nenos e nenas coñeceron os anélidos, colémbolos, pseudoescorpións, e coleópteros, entre outros, que viven no compost en diferentes estados de maduración e incluso se atreveron a collelos eles mesmos coas mans. A sorpresa do día foi que rapazas e rapaces puideron ver ‘en directo' e a través do microscopio o nacemento dunha miñoca: o momento da eclosión no que un pequeno verme saíu dende a ooteca.

As e os escolares do CEIP San Tomé de Cambados están implicados nos obradoiros organizados pola Deputación a través do CEIDA para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

O concello de Cambados dispón a día de hoxe de varios composteiros comunitarios que están a funcionar de xeito moi positivo entre a cidadanía e que xa levan tratado máis de corenta toneladas de lixo orgánico dende a súa instalación.