A veciñanza de Vilaboa recibe formación para manexar microtrituradoras e proverse de estruturante para compostar

O persoal técnico da Deputación e o Concello xestionou hoxe as 15 primeiras altas do servizo de préstamo de maquinaria


02 decembro 2018
Minitrituradora

A veciñanza de Vilaboa recibiu este domingo, da man do persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, o primeiro curso de formación do manexo de microtrituradoras para as persoas participantes no plan de compostaxe provincial e interesadas no servizo municipal de préstamo desta maquinaria –financiada pola institución provincial-. A formación realizouse ás doce da mañá na casa de Protección Civil (Toural) co obxectivo de dar unhas nocións básicas de manexo ás e aos usuarios para que produzan de xeito autónomo o estruturante necesario para compostar os seus biorresiduos.

O servizo de préstamo de microtrituradoras foi posto en marcha polo concello de Vilaboa de xeito pioneiro. Para solicitar a maquinaria, as persoas solicitantes deben superar un breve curso no manexo e seguridade, depositar unha fianza, e presentar unha copia do recibo do lixo do ano en curso. Con este servizo o Concello pretende axudar aos veciños e veciñas a proverse de estruturante para empregalo nos seus composteiros, podendo triturar os restos de poda seca que teñan das súas fincas ao dispor da maquinaria no seu domicilio durante un tempo determinado.

Hai que lembrar que o estruturante que se debe misturar cos restos de cociña e vexetais nos composteiros non é outra cousa que pólas, serraduras, madeira seca ou follaxe triturada en anacos de 1,5 centímetros aproximadamente. Este compoñente, moi rico en carbono, denomínase estruturante posto que a súa principal función é a de dar ‘estrutura' ao material a compostar: permite que pase o aire entre o lixo e compensa a humidade dos residuos orgánicos.

Coa trituración dos restos de podas, da follaxe seca e outros restos leñosos, ademais de prover de estruturante (que tamén pode ser usado como ``mulching´´ en cultivos de froiteiras ou viñedo), evítanse posibles queimas e que estes restos acaben no circuíto de recollida do lixo, o que hai que lembrar, está terminantemente prohibido.

Á xornada de hoxe asistiron unha vintena de persoas, ademais do concelleiro de Medio Ambiente Francisco Costa e o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación e do Concello. Xestionáronse quince altas no servizo, polo que o encontro foi cualificado de "éxito" pola organización. "Estes veciños e veciñas que hoxe aprenderon a utilizar a maquinaria serán exemplo para o resto da veciñanza de como funciona o servizo", explicou o técnico do Plan Revitaliza Agustín Vidal Portela.