Compostaxe Individual
Que é?
A autocompostaxe individual supón o aproveitamento dos biorresiduos domésticos –restos de comida e vexetais- nun domicilio particular ou nun recinto de acceso restrinxido.
Os produtores dos restos orgánicos son os encargados de realizar as aportacións de biorresiduos ao composteiro, do seu mantemento -coa formación e asesoramento de persoal cualificado-, e do aproveitamento do compost final.
Se estás interesado en compostar consulta se o teu concello está adherido ao Plan Revitaliza, xa que a Deputación de Pontevedra está a repartir ao abeiro do plan composteiros individuais para familias que dispoñen de casas con horta ou terrazas axeitadas. Recibirás todos os materiais e a información precisa para poñer en marcha o teu composteiro individual.
Como composto?
Para obter un bo compost é preciso mesturar variedade de materiais orgánicos ou biorresiduos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas trituradas ou partidas, follas secas…) que funcionan como estruturante.
Apoio técnico
O Plan Revitaliza está baseado nos mellores coñecementos e técnicas dispoñibles e nun sistema estruturado de controis esixentes para garantir que a compostaxe se realiza con todas as garantías.
A Deputación pon a disposición da cidadanía un plantel profesional que presta soporte técnico: as mestras e mestres composteiros. Estes son especialistas que coordinan ao persoal de base dos concellos ou doutras entidades colaboradoras para xestionar a compostaxe en composteiros individuais e atenden calquera incidencia que se presente.
Se tés calquera dúbida sobre compostaxe, ponte en contacto co mestre ou mestra composteira do teu concello. Podes tamén enviar un correo electrónico a revitaliza@revitaliza.gal ou chamar ao teléfono 886 210 600.