O 2021 preséntase como o ano da consolidación definitiva para o Revitaliza

O 2020 pecha con dous novos concellos adheridos, A Cañiza e Dozón, 160 centros de compostaxe comunitaria, 9.500 composteiros individuais xestionados e preto de 23.000 seguimentos realizados


30 decembro 2020
plan revitaliza

O ano 2021 preséntase para o Revitaliza como o da consolidación definitiva nos concellos da provincia. Os concellos máis adiantados do plan de compostaxe provincial serán quen de cumprir as esixencias da UE en canto a reciclaxe, xa que en breve chegarán ao 50 % dos residuos preparados para reciclar, tendo o tratamento dos biorresiduos un papel ‘chave' no respecto ao medio.

Segundo os datos que manexa o deputado responsable da área, Uxío Benítez, neste 2020 o programa provincial sumou dous novos concellos, A Cañiza e Dozón, ata chegar aos 47. Nestes momentos conta con 160 centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados, 9.500 composteiros individuais (COIN) xestionados e preto de 23.ooo seguimentos realizados polo persoal técnico, ben sexa de maneira presencial ou telefónica durante o confinamento.

As cifras poñen de manifesto que se cumpriron os obxectivos marcados para este exercicio que acaba de rematar, posto que as previsións eran que a veciñanza compostase os seus biorresiduos en ata 170 centros comunitarios e en preto de 7.100 individuais, segundo as contas que facía o persoal técnico provincial a finais de 2019. Como perspectiva de mínimos, para os vindeiros meses a idea é superar os 250 CCC e 13.000 COINS en activo.

Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal. No caso de Vilaboa hai 10 CCC instalados e repartidos 1.134 COIN, o que fai que proporcionalmente sexa unha das que teña maior xestión do seu lixo baseada na compostaxe, coa maioría dos grandes produtores adheridos ao programa.

En Pontevedra, que xa dispón do seu propio plan (Composta), as cifras en 2021 comezan con 34 CCC instalados, 2.568 COIN e 5.888 visitas de seguimento. No Grove teñen 10 CCC e alcanzan preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz-Balneario hai xa 12 e 10 CCC, e 814 composteiros individuais e 97, respectivamente. No caso das Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos cinco actuais e os COIN entregados subiron ata os 1.104.

Das novas incorporacións de concellos á Liña 2, Poio desistiu finalmente, mais Valga e Tomiño, xunto coa Illa de Arousa están a dar un pulo importante ás reparticións de composteiros en tempo récord. Na Illa de Arousa tutelaranse un total de 800 COIN e 5 CCC, dos que xa está un montado; en Tomiño, actualmente xa están distribuídos 903 COIN dun total de 3.000 e están funcionando 11 CCC dun total de 16. Mentres en Valga están xa distribuídos 450 COIN dun total de 1.300 e ten funcionando 2 CCC, a metade dos previstos.

Colaboración e proxección

A equipa do Revitaliza porá todos os medios ao seu dispor para potenciar os concellos que apostaron pola compostaxe dunha maneira valente. Deste xeito, aínda que se continuará asistindo aos municipios que están en fase de concienciación (con centros de compostaxe illados) apostarase por salvagardar as necesidades dos concellos en Liña 2 que buscan xestionar de maneira global os residuos baseando a súa estratexia na compostaxe. Tamén se prevé buscar unha maior implicación de entidades e produtores rurais co fin de seguir o modelo austríaco, que defende que os residuos municipais sexan tratados en plantas con colaboración de empresas de gandería, vinícolas ou doutro tipo.

Por outra banda, o Revitaliza continuará no 2021 coa súa proxección internacional, de forma que manterá a colaboración existente coa Illa de Príncipe, con novas illas africanas, así como tamén con outras administracións e organismos estatais, xa ben para replicar o modelo pontevedrés, ou para colaborar na posta en marcha de nova normativa aplicable, como é o caso do Ministerio de Transición Ecolóxica.