O Revitaliza leva aos concellos as súas actividades educativas sobre compostaxe para obradoiros e campamentos de verán

Os municipios adheridos ao plan provincial poderán realizar de modo gratuíto xornadas divulgativas para rapazada e familias


17 xullo 2020
Pequenos e pequenas de Xeve

O Revitaliza da Deputación de Pontevedra acaba de ofrecer aos concellos adheridos ao plan a posibilidade de realizar actividades educativas sobre compostaxe destinadas a nenas e nenos nos meses de verán. Nestes momentos están confirmadas xa actividades nos concellos de Cambados, Bueu, Vila de Cruces, Gondomar e Portas, que se iniciarán o vindeiro 29 de xullo en Cambados para grupos de entre 4 e 11 anos coa actividade Quen Vive Aí?.

Segundo explica o deputado responsable do Revitaliza, Uxío Benítez, a situación vivida coa COVID-19 provocou unha paralización temporal das actividades programadas pola Deputación e o CEIDA para todos os colectivos e os colexios da provincia. Porén, coñecedores de que moitos municipios poderían realizar actividades para nenas e nenos durante o verán (campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas), ofreceuse a colaboración do Revitaliza para as e os participantes.

Todos os concellos que estean adheridos ao Plan Revitaliza teñen dereito á realización destas actividades de xeito totalmente gratuíto. O contido das actuacións será mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica aproveitando o período de vacacións, sempre en grupos reducidos (entre 8 e 10 crianzas), para acadar a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.

A duración das actividades será de entre 60 e 90 minutos. En xeral a equipa educativa do CEIDA poderá adaptarse ás diferentes necesidades de cada concello, se ben as actividades están destinadas a nenas e nenos de Primaria (e Secundaria no caso de non cubrir todas as datas). Tamén está aberta a posibilidade de actividades para grupos familiares no caso de que os concellos as oferten.

Entre os obradoiros a disposición dos concellos están os xa coñecidos Xogo da Miñoca, Quen Vive Aí?, Microcompostaxe, charlas sobre a compostaxe e visitas aos composteiros comunitarios en función da dispoñibilidade das mestras e dos mestres composteiros de cada localidade.

O número máximo de actividades a realizar estará suxeita á dispoñibilidade e en función da demanda do programa. As solicitudes dos concellos poden facerse aínda cubrindo o formulario colgado na web revitaliza.depo.gal (onde se poden consultar máis datos) e enviándoo a revitalizapontevedra@gmail.com.