Compostaxe
Que é?
A compostaxe é a maneira de converter os biorresiduos –que supoñen o 53% da bolsa do lixo municipal- nun produto fertilizante. Consiste nun proceso aerobio (con aire) e termófilo (con aumento de temperatura) no que están implicados organismos e microorganismos descompoñedores naturais e no que é necesario misturar residuos de cociña e xardín con restos leñosos e secos de podas, serraduras e follas, para producir unha emenda de elevada calidade: o compost. Por cada 100 quilos de materia orgánica obtéñense uns dez quilos de compost peneirado.
No Plan Revitaliza da Deputación apóstase pola compostaxe como modelo de xestión global, tratando os residuos orgánicos onde se producen (‘quilómetro cero') a través de centros de autocompostaxe comunitaria, de autocompostaxe individual e plantas comarcais.
Vantaxes da compostaxe
Materiais a compostar
Pódese compostar:
- Froita e verdura
- Arroces e pastas
- Carne e peixe
- Pan e ovos
- Iogures
- Pousos e filtros de café
- Restos e bolsas de infusións (sen grapas)
- Panos e papel de cociña sen tinturas
- Follas, flores e plantas verdes ou secas
- Herba
- Restos de poda triturados
- Cinza e serrín de madeira natural
- Restos da colleita da horta
- Froita caída
- Palla
Non se poden compostar:
- Cinza de carbón ou madeiras tratadas
- Cueiros desbotables
- Revistas ou papel impreso a cor
- Restos de aspiradora ou de barrer
- Filtros de cigarros
- Tecidos sintéticos
- Calquera material non orgánico e biodegradable
O Estruturante
No proceso da compostaxe precísanse materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos, que se deben misturar cos biorresiduos húmidos -restos de comida e vexetais verdes- para conseguir o compost final.
Os materiais secos, moi ricos en carbono, denomínanse estruturante posto que a súa principal función é a de dar ‘estrutura' ao material a compostar: permiten que se airee e compensan a humidade.
Como estruturante pódense utilizar restos de poda triturada, follas secas, serraduras, labra de madeira natural, palla ou herba seca.
Se dispós dunha horta ou xardín podes aproveitar as túas podas e follas secas. Se non tes estes materiais -ou non son suficientes- debes poñerte en contacto co teu concello ou co teu mestre ou mestra composteira para que chos facilite.
Lembra que aportar estruturante é unha das reglas básicas para compostar correctamente.
Fases da compostaxe
Problemas e solucións
A materia está moi seca: mesturar con restos de cociña e remexer, ou regar lixeiramente e remexer
A materia está moi húmida: remexer e, se non funciona, engadir estruturante e remexer
Hai moitas moscas da froita: remexer e tapar con estruturante
Cheira a amoníaco: remexer e tapar co estruturante
Cheira a podre remexer e, se non funciona, engadir estruturante e remexer.
Outras experiencias
Avicompostaxe
A Deputación de Pontevedra está a traballar na instalación de compogaliñeiros vencellados con hortas urbanas ou parques públicos. O procedemento e características da compostaxe feita con galiñas ( avicompostaxe) consta dun galiñeiro cunha parte aberta para ter as galiñas soltas e outra pechada na que hai tres módulos de compostaxe.
O primeiro módulo é no que a veciñanza deposita o lixo orgánico e no que se aporta o estruturante: as galiñas exercen de axitadoras, volteadoras e osixenadoras de forma natural.
O segundo módulo compostador é ao que se debe transferir o material unha vez que o primeiro módulo está cheo. Debe estar pechado e tapado para non permitir o acceso dos animais coa finalidade de que continúe o proceso de compostaxe sen contaminación microbiolóxica algunha.
No terceiro módulo o material é tratado con vermes, promovendo a colonización da mistura dos residuos e o estruturante para a súa última transformación e a maduración definitiva.
Vermicompostaxe
A vermicompostaxe é o proceso de descomposición da materia orgánica realizado pola actividade de certas especies de lombrigas, principalmente as do xénero Eisenia. Pode desenvolverse en calquera residencia particular ou centro de compostaxe comunitario, utilizando os residuos orgánicos xerados na contorna doméstica.
As lombrigas, a través dos tubos dixestivos, traballan coa acción combinada de microorganismos que transforman a materia orgánica nun produto chamado vermicompost ou humus. Este compost ten unha moi boa estrutura e un grande contido de nutrintes.
Algúns centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza están a ser inoculados con lombrigas e vermes de xeito totalmente controlado polas mestras e mestres composteiros para mellorar aínda máis a calidade do compost.