A Deputación garante a "xestión segura" dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza durante a crise da COVID-19
Nos composteiros instaláronse as recomendacións e precaucións de uso que, coma noutros ámbitos, pasan por extremar a hixiene
Os centros de compostaxe comunitaria (CCC) en uso na provincia ao abeiro do Plan Revitaliza considéranse como de "xestión segura", pero deberanse manter sempre as precaucións de uso. Así o indica hoxe a Deputación de Pontevedra nun documento no que se lle facilitan á cidadanía as indicacións de como tratar o lixo nos domicilios durante a crise sanitaria da COVID-19.
Así mesmo, o departamento que xestiona o Revitaliza colocou en todos os centros de compostaxe comunitaria as recomendacións para evitar posibles contaminacións cruzadas, xa que o sistema da compostaxe, por si mesmo, ten máis garantías que os sistemas tradicionais para eliminar o virus. Desde o punto de vista técnico, o asesor Carlos Pérez explica que os virus non soportan temperaturas maiores de 42 ºC (xa que morren nesas condicións) e, no caso dos centros de compostaxe, alcánzanse temperaturas maiores a 55 ºC sostidas no tempo.
As recomendacións de uso dos CCC para evitar as contaminacións cruzadas encáixanse nas medidas xenéricas á hora de interactuar nos espazos públicos: gardar dous metros de distancia co resto das persoas; usar luvas dun só uso e lavar periodicamente as mans; non tocar nariz, boca e ollos, e extremar a hixiene en xeral.
Como xa se anunciou coa declaración do estado de alarma, a Deputación de Pontevedra está a manter en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria directamente dependentes do Plan Revitaliza, xa que supoñen un servizo básico e esencial, aínda que particular e diferenciado con respecto a outras localidades. Co fin de garantir a súa correcta actividade, estes CCC estanse a vixiar e xestionar de forma diaria por parte das mestras e mestres composteiros e do persoal técnico responsable de cada zona.
En total, están atendidos pola Deputación 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía de Arousa (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas de Reis (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz-Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).
Para o caso de concellos con CCC non dependentes da Deputación, a institución provincial aconsellou que se manteñan abertos e atendidos para seguir garantíndolle o servizo á poboación, aínda que sexa con servizos mínimos.
No caso dos composteiros individuais instalados dentro da propiedade particular das persoas usuarias, o Revitaliza está a realizar o seguimento por vía telefónica e a realizar as actividades presenciais imprescindibles. Nestes casos, segundo explican as e os especialistas, as recomendacións son seguir os criterios habituais sempre que non se detecten casos positivos de coronavirus.
En relación co manexo domiciliario de residuos de persoas afectadas pola COVID-19, desde a Deputación ínstase a seguir as directrices ao respecto contidas nos puntos 1 e 2 do anexo da Orde SND/271/2020, que se basean nunha instrución anterior editada polo MITECO días atrás. Estas explican que os residuos de persoas enfermas débense recoller de maneira conxunta, sen separación para a reciclaxe, nunha bolsa plástica que despois deberá ser introducida nunha segunda bolsa pola persoa coidadora con luvas e máscara. Posteriormente, ese material debe introducirse nunha terceira bolsa co resto do lixo xeral do domicilio e depositarse finalmente no colector da fracción resto.