‘Zero Waste' lanzará este venres o seu monográfico sobre o Plan Revitaliza como experiencia relevante na UE

O director da axencia europea Joan Marc Simo desplazarase a Pontevedra para presentar o informe, que se dará a coñecer simultaneamente dende Bruxelas dentro da programación da Semana do Clima


18 setembro 2019
Zero Waste

A axencia europea ‘Zero Waste Europe' lanzará este venres en toda Europa a súa publicación monográfica sobre o Plan Revitaliza da Deputación tras consideralo unha ‘experiencia ambiental relevante' e asegurar que é un ‘caso de estudo' na xestión do lixo aplicable en moitas zonas da UE.  O propio director executivo da entidade, Joan Marc Simo, trasladarase a Pontevedra este venres para dar a coñecer o informe. Amais, haberá un lanzamento simultáneo do traballo dende Bruxelas dentro da programación da Semana do Clima.

Esta publicación monográfica sobre o Revitaliza xorde despois de que o persoal técnico de Zero Waste coñecese a iniciativa da Deputación de fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento. Entón, o plan provincial foi seleccionado como ‘experiencia ambiental relevante'. Posteriormente, o responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitou Pontevedra durante varios días co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir un estudo técnico.

Na súa estancia na provincia Condamine xa asegurou que a compostaxe de proximidade do Revitaliza pódese aplicar en cidades e rexións similares, con poboación rural e dispersa. "Queremos demostrar que o que aquí se fai pode facerse noutras rexións", sentenzou. Agora, no seu informe indica que grazas á compostaxe descentralizada, a provincia de Pontevedra pasou de non ofrecer opcións para xestionar os  biorresiduos a un sistema descentralizado e baseado na comunidade, para engadir que despois de tres anos, máis de 2.000 toneladas de  biorresiduos compóstanse localmente e o proxecto estendeuse a máis de dous terzos dos municipios da provincia. "España segue atrasada en canto ao cumprimento dos obxectivos Europeos de reciclaxe, pero a historia de Pontevedra demostra que é posible cumprilos con medidas sinxelas, eficaces e económicas grazas á compostaxe  decentralizada", afirma.

Este venres o director executivo de Zero Waste, Joan Marc Simo, estará en Pontevedra para explicar polo miúdo os detalles que levaron á axencia europea a fixar os seus ollos no Revitaliza, escribir o ‘estudo de caso' e difundilo pola UE. De feito, amais da presentación formal da publicación monográfica sobre o Revitaliza, Zero Waste lanzará publicamente o informe de forma simultánea dende Bruxelas a outros organismos, institucións, e colectivos co obxectivo de ter a máxima divulgación.

O Plan Revitaliza está a levantar unha grande expectación en xeral dentro do Estado Español, con visitas de representantes de do Ministerio de Transición Ecolóxica, deputacións, concellos e outras administracións relacionadas cos residuos. Así mesmo, despunta o recoñemento internacional por parte de países asiáticos, americanos e africanos.