Ribadumia inicia o reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza con lista de agarda e moito interese da veciñanza

O persoal técnico da Deputación entregou onte á noite os primeiros recipientes e realizou unha charla de formación


03 decembro 2019
Reparto de composteiros

O Concello de Ribadumia iniciou xa o reparto de composteiros individuais do Plan Revitaliza da Deputación entre as veciñas e veciños da vila para compostar os seus biorresiduos. As mestras e mestres composteiros da institución provincial explicaron onte nunha reunión que a compostaxe se implantará a medio prazo como novo modelo de xestión de residuos para o municipio, tanto por motivos ambientais coma económicos.

A este encontro, o primeiro do Revitaliza neste concello, acudiron preto de 70 persoas. Das que estaban convocadas para a entrega nominativa do composteiro individual (COIN) compareceron máis do 90 %, e tamén asistiron algunhas veciñas e veciños interesados pola compostaxe e por saber como conseguir un recipiente para a súa vivenda. De feito, nestes momentos o Concello conta cunha lista de agarda á espera do COIN e con moita outra xente que, aínda que non formalizou a súa petición, tamén amosou a súa disposición para compostar.

Pola súa banda, o persoal técnico da Deputación (mestras e mestres composteiros) entregáronlles os composteiros individuais, os manuais de compostaxe, un remexedor e un termómetro ás persoas representantes de cada domicilio particular. Tamén explicaron en que consiste o Plan Revitaliza, como se composta e algunhas cuestións prácticas, coma a importancia de colocar ben o composteiro, de achegar suficiente estruturante para mesturar con el os biorresiduos e de remexer periodicamente o material para airealo. Tamén responderon algunhas dúbidas sobre que se pode botar no composteiro (todos os restos de comida crúa ou cociñada e vexetais) e a sobre posible aparición de problemas de lentitude na produción do compost, que non se deberían de producir se se seguen as indicacións técnicas.

Ademais da entrega de COIN, Ribadumia conta nestes momentos con varios centros de compostaxe comunitaria que están a funcionar perfectamente grazas á implicación e colaboración da cidadanía.