O Revitaliza, considerado "caso de éxito" e "exemplo pioneiro" de xestión de residuos no congreso "Waste in progress" que se celebra en Girona

O plan provincial foi considerado ao mesmo nivel de excelencia que outros proxectos desenvolvidos en Milán, Holanda, Gales ou Copenhague  


20 maio 2022
viaxe do Revitaliza a Cataluña, País Vasco e Navarra

Un exemplo pioneiro de descentralización da xestión dos residuos orgánicos en zonas rurais mediante compostaxe comunitaria e individual. Así foi definido o Plan Revitaliza hoxe no congreso internacional ‘Waste in progress' que nesta edición está a celebrarse en Girona.

O foro de 2022 segue o concepto das últimas experiencias de éxito internacional en relación á recollida de residuos municipais. Esta edición aborda como temática central a orgánica, a fracción crave nos novos modelos de recollida, que ademais de ser a fracción de maior xeración en peso e a que permite alcanzar os obxectivos fixados, é a que a miúdo limita o modelo e conleva problemáticas de aceptación social e enfrontamento político.

A través do eixo central da orgánica abórdanse de maneira indirecta o resto de fraccións de recollida selectiva, así como as estratexias de limitación da fracción resto. Neste punto interveu hoxe o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, explicando en que consiste o Plan Revitaliza xunto a outros relatorios internacionais de experiencias de éxito na xestión da orgánica (Copenhague, Bérgamo, Milán, Holanda, Flandes, Gales) e relatorios estatais que culminaron con mesas redondas de debate coa participación de representantes de Pamplona, Barcelona, Lleida, Aragón ou Madrid, entre outros. Tamén estiveron presentes representantes da comisión Europea e do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Pérez indicou que o Plan Revitaliza da Deputación implica a 48 concellos da provincia que teñen como obxectivo aplicar a compostaxe como modelo de xestión de lixo co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas de reciclaxe. Nestes momentos, lembrou que son varios os concellos máis avanzados: Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, O Grove e Pontevedra, xunto a Tomiño, Valga e Illa de Arousa.

Na súa exposición o asesor subliñou que o transporte dos residuos é a día de hoxe unha das partes máis caras do custe do lixo para os municipios de Pontevedra. Así mesmo, explicou que a conclusión de que a compostaxe é o mellor modelo de xestión para a provincia foi moi analizada: baseouse fundamentalmente no peso que ten o orgánico na bolsa do lixo urbana (supón o 53%, unha cifra maior que noutras localidades), na existencia de puntos de xeración de residuos moi dispersos, así como na presenza maioritaria de vivendas unifamiliares nas que é posible facer o tratamento do orgánico ‘in situ', a quilómetro cero. Pérez argumentou que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais.

Por outra parte, Pérez tamén falou dos custes do proceso da compostaxe e dos cambios necesarios nas taxas municipais, cuestións que deben ser abordadas de xeito individual por cada un dos concellos que se implican no Plan Revitaliza coa axuda da Deputación. Destacou que a día de hoxe a práctica totalidade dos municipios pontevedreses non financian nin a metade do custe do servizo cos recibos abonados pola cidadanía, algo que deberá cambiar coa nova normativa.