Poio estrea mañá o seu quinto centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza

Haberá unha carpa informativa nas inmediacións do Parque de Ankar en San Salvador para informar á veciñanza e repartir os cubos para o lixo orgánico


09 marzo 2023
Plan Revitaliza

O Concello de Poio estrea mañá o seu quinto centro de compostaxe comunitaria (CCC) ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. A inauguración será ás 11.30 horas e ata as tres da tarde haberá unha carpa informativa na que a mestra composteira do Concello dará a coñecer a compostaxe á veciñanza da contorna, á que se pretende implicar de maneira progresiva.

As persoas interesadas en compostar os seus restos de comida e vexetais e que vivan na contorna do composteiro poderán participar na iniciativa de xeito inminente. Nos últimos días estívose realizando un traballo de reparto de cartas e dípticos explicativos pola zona do Parque de Ankar en San Salvador, polo que a veciñanza está xa advertida do acto e informada sobre a Compostaxe, mais a mestra composteira estará tamén ao pé do CCC para resolver dúbidas e apuntar a todas as persoas que o soliciten. A todas as familias que participen na compostaxe entregaráselle un cubo específico para depositar na casa cada día os biorresiduos que despois pasarán ao centro de compostaxe.

No centro de Compostaxe, que consta de 10 unidades modulares, a veciñaza poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, pasta, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede recén curtado, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polos mestres e mestras composteiras é necesario tapar con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo.  Por último é preciso deixar ben pechada a tapa e, no caso de ter utilizado unha bolsa plástica para trasladar os residuos, tirala no colector amarelo logo de baleirala dentro do CCC. Nunca se pode deixar o lixo orgánico en bolsa dentro do composteiro.

O centro de compostaxe comunitaria de Poio será atendido polo persoal técnico contratado polas subvencións do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta, que este se tapa coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e trasvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso, así como vixiar que non se introducen na composteira elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

Ademais do control in situ, a mestra composteira municipal encárgase tamén de que todos os datos das medicións citadas anteriormente se volcan na Plataforma Revitaliza para despois facer un seguimento e unha análise comparada e garantir o seu perfecto funcionamento.

 Hai que lembrar que a compostaxe nos centros comunitarios controlados polo Revitaliza ten "garantía de xestión segura", xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan grazas ás importantes temperaturas que se alcanzan. Considérase que este modelo de tratamento e xestión é incluso máis seguro que o ordinario dos colectores, onde o lixo permanece a temperatura ambiente.