Poio conta xa co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do plan Revitaliza

Hoxe instalouse unha carpa informativa para que a veciñanza do contorno da rúa Rosalía de Castro se incorpore á iniciativa de maneira progresiva


29 outubro 2020
Carpa con persoal na zona dos composteiros

O Concello de Poio conta xa co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. Unha vez rematada a instalación na rúa Rosalía de Castro hoxe inaugurouse o centro cunha carpa informativa para dar a coñecer a compostaxe á veciñanza do contorno, á que se pretende implicar de maneira progresiva.

Segundo explica a técnica responsable da área, Estefanía Alfonsín, as persoas interesadas en compostar os seus restos de comida e vexetais e que vivan no contorno do composteiro, que funcionará como piloto dentro do concello, poderán participar na iniciativa de xeito inminente, sempre tendo en conta as indicacións xerais de hixiene nestes momentos da COVID-19.

Hai que lembrar que a compostaxe nos centros comunitarios do Revitaliza ten "garantía de xestión segura", xa que no proceso de compostar elimínanse todos os patóxenos existentes nos biorresiduos que se achegan grazas ás importantes temperaturas que se alcanzan. De feito, considérase que este modelo de tratamento e xestión de lixo é incluso máis seguro que o ordinario dos colectores, onde o lixo permanece a temperatura ambiente.

No centro de compostaxe a veciñanza poderá depositar todos os seus restos de comida (cociñada ou crúa: carne, peixe, ovos, arroz, froita, pasta, pan…), así como vexetais (céspede recen cortado, plantas de todo tipo…). Unha vez depositado o lixo orgánico no caixón marcado e habilitado polos mestres e mestras composteiras é necesario tapar con estruturante, restos leñosos secos que estarán a disposición nunha saca ou nun caixón anexo. Por último, é preciso deixar ben pechada a tapa e, no caso de ter utilizado unha bolsa plástica para trasladar os residuos, tirala no colector amarelo logo de baleirala dentro do CCC. Nunca se pode deixar o lixo orgánico en bolsa dentro do composteiro.

O centro de compostaxe comunitaria de Poio será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade. Este encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta, que se tapa este coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e transvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e vixiar que non se introducen no composteiro elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante.

Para informar á veciñanza, ademais da carpa instalada hoxe a carón do composteiro, realizaranse outras actuacións nas vindeiras semanas, como a repartición de folletos nas caixas de correo ou unha campaña porta a porta, xa que polo de agora prefírese evitar a reunión de grupos de veciñas e veciños por xunto debido á crise sanitaria.