Pequenos e pequenas do CRA María Zambrano do Rosal apúntanse á compostaxe co Plan Revitaliza da Deputación

Os escolares do primeiro ciclo de Primaria puxeron en marcha un composteiro e realizaron xogos e obradoiros lúdicos sobre o compost


11 decembro 2018
Os escolares do primeiro ciclo de Primaria do CRA María Zambrano do Concello de O Rosal

Os escolares do primeiro ciclo de Primaria do CRA María Zambrano do Concello de O Rosal xa son expertos en compostaxe. Hoxe puxeron en marcha o seu novo composteiro coa axuda do persoal técnico Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) grazas ao Plan Revitaliza da Deputación, que tamén facilitou a realización de obradoiros e xogos didácticos sobre o compost e sobre como converter os residuos orgánicos nun recurso.

A rapazada xa comezou a súa formación en compostaxe as semanas anteriores,  cunha xornada informativa e tamén con xogos cooperativos e tradicionais adaptados á temática do lixo. O xogo que máis éxito tivo foi o ‘Xogo da miñoca', no que a mascota educativa do Plan Revitaliza -un verme- vai facendo preguntas aos equipos formados nas clases sobre como se deben compostar os residuos orgánicos, que se debe botar na composteira e que non, onde se debe poñer a composteira, se é preciso remexer a composteira ou características do compost e as súas propiedades, entre outras cousas.

Este programa educativo sobre compostaxe que está a levar adiante a Deputación realízase xunto co CEIDA mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria de todos os concellos da provincia, independentemente de se están adheridos ou non ao programa provincial.

Os colexios, ademais das actividades que se desenvolveron no CRA, poden solicitar tamén outro tipo de obradoiros tales como 'Quen vive aí?', ou ‘'A voltas coa compostaxe' dirixidos a outras idades do alumnado, así como unha exposición itinerante, e tamén charlas para o profesorado. Estas actuacións pódense aínda solicitar descargando o formulario da páxina web do Revitaliza (revitaliza.gal ou revitaliza.depo.gal) dentro do apartado de centros de ensino. Tamén se pode obter información nos teléfonos 986505180 e 607351501 e no correo electrónico revitalizapontevedra@hotmail.com.

O obxectivo deste programa escolar do Plan Revitaliza é concienciar á comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e de responsabilidade na separación dos residuos orgánicos domésticos, un compromiso persoal ante a redución do lixo e co uso dos composteiros comunitarios, así como informar sobre a importancia necesaria da compostaxe como alternativa ao modelo actual de xestión do lixo, ao ser máis económica e ecolóxica.

O plan de compostaxe provincial conta xa con 42 concellos da provincia adheridos e son 13 os que van aplicar o modelo para xestionar de forma global os residuos municipais. O concello de O Rosal é un dos municipios que traballa nesta liña xa dende xullo do ano 2017.