Pequenos e pequenas do CEIP de Santo André de Xeve buscan os 'intrusos' do seu composteiro

Peneiraron o compost e despois aplicárono no horto como fertilizante natural


06 marzo 2020
Pequenos e pequenas do CEIP de Santo André de Xeve

Escolares do CEIP de Santo André de Xeve participaron hoxe nunha nova actividade do Plan Revitaliza: buscar ‘intrusos' no seu composteiro do colexio. As rapazas e rapaces peneiraron o compost que levan facendo varios meses para analizar a súa calidade e ver se tiñan algo que non debera estar aí por non ser un biorresiduo (restos de envases, papeis de aluminio, pegatinas de froita).

Segundo lles explicaron ás rapazas e rapaces o persoal técnico Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) os plásticos, nomeadamente os microplásticos, son os impropios ou intrusos máis frecuentes nos composteiros, a súa orixe e composición e os seus efectos. Trasladouse tamén á compostaxe a preocupación xeral polo impacto socioambiental dos microplásticos.

Unha vez confirmada a calidade do compost realizado no centro, as nenas e nenos comprobaron in situ a aplicación deste para as plantas do horto, aprendendo así a pechar o ‘circulo' dos residuos: os elementos que saen da terra unha vez que son aproveitados e non queda deles máis que o que se desbota (lixo) poden tratarse mediante a compostaxe poden volver á terra como fertilizantes naturais moi efectivos.

Esta actividade dos ‘intrusos' no composteiro foi precedida dunha formación en compostaxe anterior sobre o lixo en xeral, os residuos orgánicos, que se debe botar na composteira e que non, onde se debe poñer a composteira, e outras moitas cuestións relativas ao proceso de compostaxe.

Este programa educativo que está a levar adiante a Deputación realízase xunto co CEIDA mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza, e vai dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria de todos os concellos da provincia. O obxectivo é concienciar á comunidade educativa da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e de responsabilidade na separación dos residuos orgánicos domésticos.