Os composteiros comunitarios utilizados pola veciñanza en Pontevedra e O Morrazo duplican a cantidade de biorresiduos tratados durante o estado de alarma

O persoal técnico do Revitaliza cuantificou que a repunta de uso da cidadanía chega ata a cuadriplicar o lixo nalgún centro de compostaxe


14 abril 2020
Centro de Compostaxe Comunitario

Os composteiros comunitarios abertos á veciñanza de Pontevedra e da comarca do Morrazo están tratando entre o dobre e o triplo de biorresiduos durante o estado de alarma que nas semanas anteriores. Así o constatou o persoal técnico do Revitaliza da Deputación, que incluso cuantificou que nalgún centro de compostaxe se cuadriplicou a cantidade de lixo orgánico achegado pola cidadanía.

Segundo explica o vicepresidente, César Mosquera, o sistema provincial de compostaxe está a funcionar "francamente ben" a pesares do confinamento que, ao contrario do que se poida pensar, está provocando que a xente "recicle máis e mellor".

O persoal técnico provincial percibiu un aumento significativo en todos os centros de compostaxe (CCC) da provincia. As velocidades de enchedura dos módulos de achega do lixo reducíronse significativamente, xa que hai máis volume de lixo orgánico diario. Isto constatouse especialmente nas comarcas de Pontevedra e do Morrazo (nas outras áreas estanse aínda a facer as medicións exactas), onde a orixe dos biorresiduos trasladouse dos grandes produtores (restaurantes, cafeterías, bares… que están pechados) ás vivendas particulares.

Segundo indican as e os técnicos, o feito de que a cidadanía estea na casa e faga todas as súas comidas no domicilio (ademais da crecente afección pola repostería) incrementa significativamente os restos de alimentos e vexetais que tirar ao lixo. Tamén hai que destacar que as achegas se realizan perfectamente separadas, sen restos propios doutras fraccións (plásticos, papeis, latas…). Isto leva a que nalgúns casos puntuais se chegue incluso a cuadriplicar o volume de restos orgánicos que están a recibir os centros de compostaxe, se ben a media está no dobre.

Hai que lembrar que todos os CCC dependentes da Deputación están abertos e atendidos. Segundo o vicepresidente Mosquera, "estamos moi vixiantes deste aumento das achegas, porque estamos funcionando en servizos mínimos e pode haber tensións, pero está indo todo francamente moi ben", afirma, para insistir en que desde o Revitaliza a intención sempre foi que "se composte ben, non mal e sen control, porque iso é malo para todo o mundo".

Mosquera indicou que a compostaxe do lixo demostrou ser un servizo esencial que se pode realizar por parte da cidadanía coa máxima seguridade e con total tranquilidade, xa que existen as máximas garantías. A posibilidade de infección pola COVID é practicamente nula, moito menor que con outros sistemas, e unicamente podería darse por contaminación cruzada. En calquera caso, os CCC desinféctanse practicamente a diario e hai que seguir as recomendacións hixiénicas habituais (separación con outras persoas, uso de luvas, máxima hixiene…). O compost resultante estará perfectamente hixienizado, xa que os virus non soportan 42 ºC e no proceso de compostaxe supéranse os 55 ºC de forma mantida, chegando incluso ata os 75 e 80 ºC. "Aí non sobrevive ningún tipo de organismo", indica Mosquera.

Composteiros individuais

En canto aos composteiros individuais, séguese a facer o control telefónico dos COIN da provincia dependentes do Revitaliza (5750) que antes se realizaba de maneira presencial. O COIN ten a vantaxe de que a persoa usuaria non ten que saír da súa casa ou predio para levar o lixo ao colector, xa que trata os biorresiduos dentro da súa propiedade, e permite levar o resto das fraccións (que non xeran problemas de cheiros) máis espazadamente tempo aos colectores, diminuíndo o risco de contaxio por non saír da casa.

Realízase unha chamada semanal por parte do persoal técnico (MECOS) e tamén de membros de Adega, Amigos da Terra e Fruga. Ademais de preguntar pola situación persoal (saúde, contaxios...) pídense datos de enchedura, medicións de temperatura e estado do proceso, e danse indicacións de como realizar as tarefas de mantemento. Os datos son procesados para a plataforma Revitaliza, a través da cal se monitorizan en tempo real e se poden tirar gráficas de resultados. "As persoas que teñen un composteiro individual na casa agora teñen máis tempo. Están a botar máis lixo orgánico e atendéndoo máis, polo que pode saír un compost de moi boa calidade", insiste o vicepresidente.