Os centros de compostaxe do Plan Revitaliza na Cañota e no Sequelo en Marín xa levan tratado once toneladas de biorresiduos

Mañá e pasado o persoal técnico realizará unha xornada informativa e unha repartición de compost entre a veciñanza participante na iniciativa


25 novembro 2020
Cartel Revitaliza

Os centros de compostaxe comunitaria (CCC) da Cañota e O Sequelo do Plan Revitaliza no concello de Marín, que comezaron a funcionar os meses de xullo e agosto, xa levan tratado once toneladas de biorresiduos da veciñanza (fracción orgánica e restos vexetais). Para celebralo as mestras e mestres composteiros realizarán mañá e pasado unha repartición de compost entre todas as persoas participantes na iniciativa.

Segundo o persoal técnico que leva o seguimento e control dos dous CCC, ambos composteiros están funcionando de maneira moi positiva, cunha alta participación e con apenas impropios (lixo non orgánico). Para amosar a calidade do compost, entregarase ás persoas que se acheguen o produto resultante de transformar os residuos orgánicos que saen de cada casa nun fertilizante para as plantas. A xornada informativa –aproveitarase para divulgar sobre compostaxe– e a repartición de compost realizarase mañá no Sequelo, entre as 12 e as 14 horas, e o venres 27 no mesmo horario nas inmediacións do CCC da Cañota.

Hai que lembrar que as persoas que participan na compostaxe dos CCC do Sequelo e da Cañota son veciñas e veciños que viven a menos de 150 metros do composteiro ou usuarias da horta urbana do Sequelo. Desde antes do verán tanto o persoal do Revitaliza como do departamento de Medio Ambiente do Concello de Marín foi contactando coa veciñanza para informar de como compostar e como poñer en marcha os composteiros, xa que a estrea coincidiu coa ‘desescalada' do primeiro confinamento na actual crise sanitaria da COVID-19.

Coa instalación destes dous centros de compostaxe comunitaria, Marín, incorporouse ao grupo dos chamados ‘Concellos Revitaliza', facendo que a totalidade dos municipios da comarca do Morrazo estean involucrados no plan provincial da Deputación. Nestes momentos, tanto o concello de Bueu, como o de Cangas, Moaña e Vilaboa teñen xa un importante número de composteiros comunitarios e de composteiros individuais instalados. De feito, este último concello está nunha fase moi avanzada de implantación do plan, sendo dos pioneiros da provincia.

A intención da Deputación e do Concello de Marín ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen –o que se denomina tratamento ‘en proximidade'– os biorresiduos de varias ducias de veciñas e veciños e de produtores singulares de lixo, e así evitar que vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para a súa incineración, co custo ambiental e económico que iso supón.