O ‘Plan Revitaliza' convértese en exemplo de xestión de lixo para tres continentes: Europa, América e África

O vicepresidente Mosquera anunciou que membros da Comisión Europea virán en outubro a Pontevedra a coñecer o Plan de compostaxe provincial e que será exposto na Comisión Europea en novembro


19 xullo 2018
O Plan Revitaliza da Deputación expándese cada vez máis como modelo de referencia para a xestión do lixo. Son moitas as localidades estranxeiras, estatais e nacionais que se teñen interesado por adaptar o Plan provincial aos seus respectivos territorios, mais na última semana o Revitaliza chegou incluso ata a illa de Príncipe en África, un selecto destino turístico, a onde o asesor de residuos provincial Carlos Pérez se trasladou para dar a coñecer os principios básicos da compostaxe comunitaria en Pontevedra.
 
Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, con esta nova solicitude de asesoramento son xa países de tres continentes diferentes (Europa, Centro e Sudamérica e África) os que apostan polo modelo pontevedrés. "O Plan Revitaliza, para o pouco tempo que leva en marcha, está a ter unha proxección enorme. Entrar nos circuítos e que se coñeza o que facemos aquí a nivel internacional  non é tan fácil. Por un lado é unha satisfacción e por outro unha responsabilidade, xa que o modelo non podería ‘ir arriba' senón fose pola cualificación técnica de Carlos Pérez e as mestras e mestres composteiros que están a traballar, e pola participación extraordinaria da cidadanía", apuntou o nacionalista.
 
Mosquera lembrou que hai xa meses estiveron en Pontevedra representantes tanto do Goberno Mexicano como da Universidade de São Paulo en Brasil para intentar mimetizar o Revitaliza nas súas localidades. No caso da illa africana de Príncipe, o técnico Carlos Pérez foi convidado polo Goberno local para coñecer in situ o seu territorio: unha illa que en extensión e número de habitantes coincide co Concello de Vilaboa, e que é unha reserva da biosfera que ten como vocación ser un destino de turismo de elite, na que as mansións privadas de millonarias e millonarios e persoas de moi grande poder adquisitivo ocupan a meirande parte da superficie.
 
Seguindo coas visitas internacionais, o vicepresidente Mosquera explicou que a Deputación acaba de recibir a convocatoria formal para participar en Bruxelas nunhas xornadas da Unión Europea sobre residuos e fracción orgánica, ademais de para presentar á Comisión Europea (Dirección Xeral 11- Medio Ambiente) o Plan Revitaliza, o vindeiro 19 de novembro. "Teñen un interese moi grande en que Pontevedra poida asistir a esas xornadas, nas que convocaron a experiencias e técnicas e técnicos que poidan facer aportacións e concretar a lexislación sobre biorresiduos. Tamén comunicaron que nos meses de setembro ou outubro, antes de que nós vaiamos alá, o propio comisario e persoal técnico están interesados en ver a xestión do Revitaliza na provincia", asegurou o vicepresidente.
 
Finalmente, o vicepresidente provincial destacou que mañá se van aprobar en Xunta de Goberno as bases para que os concellos que aínda non están adheridos ao Plan Revitaliza poidan facelo e prepararse así para a nova normativa en materia de residuos. Segundo destacou, esta nova convocatoria para incorporarse ao Plan de compostaxe non estaba prevista, pero o endurecemento das esixencias para tratar o 100 % dos biorresiduos en 2020 fixo que a Deputación tomara a decisión de darlles unha nova oportunidade.