O 'Xogo da Miñoca', 'Os Bichocos e a Composteca' levan a compostaxe ao alumnado de Pontevedra e Bueu

Escolares do CEIP San Martiño de Salcedo, do CEIP Santo André de Xeve e do CPR Virxe Milagrosa de Bueu participan estes días nas actividades do Revitaliza para colexios


12 novembro 2020

O ‘Xogo da Miñoca', `Os Bichocos e a Composteca', e ‘Quen vive aí?' son as actividades que durante estes días están a desenvolverse nos CEIP San Martiño de Salcedo, o CEIP Santo André de Xeve e o CPR Virxe Milagrosa de Bueu para dar a coñecer a compostaxe entre a rapazada dentro da proposta escolar do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Preto de medio cento de escolares de 1.º e 2.º de Primaria do CEIP San Martiño de Salcedo realizaron hoxe varios Xogos da Miñoca', actividade xa coñecida e moi demandada polas nenas e nenos, que semella unha ‘Oca' na que é preciso contestar correctamente preguntas sobre compostaxe para poder avanzar ata a casiña final.

Ademais, as rapazas e rapaces de Infantil do CEIP Santo André de Xeve tamén realizaron a súa correspondente actividade, ‘Os Bichocos e a Composteca': contacontos e xogos dinamizados pola monitora. Trátase dun obradoiro no que se narra un conto orixinal sobre ‘Os Bichocos e o compost' dun xeito orixinal cun tipo de teatriño con figuras, elementos e obxectos que poden interactuar na distancia coas e cos participantes para cumprir coas medidas de seguridade axeitadas. Ademais, o persoal técnico do CEIDA presenta a escola que crean `Os Bichocos´ para facer compost: ‘A Composteca'.

Por último, no CPR Virxe Milagrosa de Bueu, ademais do alumnado de 1.º de Primaria que tamén xogará mañá á ‘Miñoca', as e os maiores do centro (5.º e 6.º de Primaria) tamén realizaron a actividade de ‘Quen vive aí?' para coñecer os invertebrados que axudan a que se faga o compost.

Esta actividade de identificar os vermes –a que máis chamou a atención do alumnado– realizouse analizando mostras de compost en diferentes estados de maduración. Nenas e nenos puideron estudar facilmente os tipos de bechos que axudan a descompoñer a materia orgánica do lixo coa axuda de capturadores de fauna –eles mesmos colleron os animais–, e observáronos con material de aumento e chaves dicotómicas.

O obxectivo de todas estas actividades é implicar á comunidade educativa na compostaxe é acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais, e fomentar uso dos composteiros, xa que as e os escolares funcionan como ‘altofalante' deste modelo de xestión do lixo nas súas casas.