O Revitaliza súmase ao Canteira Fest de Vilaboa para compostar todos os residuos orgánicos do festival

Mestras e mestres composteiros da Deputación de Pontevedra informarán sobre compostaxe e repartirán material promocional


17 setembro 2019
Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación sumarase este venres 20 e sábado 21 ao Canteira Fest de Vilaboa para compostar todos os residuos orgánicos do festival e recoller tamén de maneira separada as outras fraccións do lixo. A intención é que as persoas que asistan ás actividades e concertos colaboraren tamén co medio ambiente e en lugar de tirar todo o lixo a un mesmo colector, sendo ambientalmente conscientes e reciclando.

O obxectivo é acadar unha festa co 100 % de separación do lixo, animando á xente a deixar todos os residuos posibles no seu respectivo colector. Para os restos orgánicos (restos de comidas, panos brancos de papel e pan) haberá tres composteiros de 800 litros que se instalarán na zona de comida e bebida, onde haberá unha ducia de postos con diferentes alternativas. Tamén haberá illas de reciclaxe –convenientemente sinalizadas– para plásticos, vidro e outros materiais.

Disporanse cartaces informativos por todas as zonas do festival convidando á cidadanía a colaborar na iniciativa co obxectivo de amosar a responsabilidade e conciencia ecolóxica e dar prestixio ambiental ao evento, converténdoo nun dos máis sustentables da provincia.

A invitación a compostar no Canteira Fest incorpórase nesta edición despois do éxito da campaña do Revitaliza noutras festas gastronómicas, onde aínda sendo un volume de biorresiduos moi grande, conseguiuse unha completa colaboración da cidadanía. Agárdase repetir isto en Vilaboa dado que é un dos concellos da provincia onde máis se ten avanzado na implantación da compostaxe.

Ademais de colaborar no sistema para a separación 100 % do lixo do festival, as mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación instalarán unha mesa informativa sobre compostaxe e repartirán material promocional e compost para utilizar en plantas.

Hai que lembrar que a programación do Canteira Fest de Vilaboa inclúe actividades durante todo o día ademais dos concertos. O venres 20 comezarase ás cinco da tarde coa presentación do festival, para despois dar lugar á exposición Galp ‘O mar tamen ten mulleres', seguir cunha demostración de arte urbana, e dar paso á unha charla coloquio sobre o tema ‘Estamos ante a 3.º oleada Feminista?'. Finalmente celebraranse os concertos de Vudú, A banda da loba, Punkiereteiras, Collón de Lola e Paula do Campo DJ.

O sábado abrirase a xornada, ás 12 do mediodía, cunha actividade sobre microplásticos na praia de Areeiro (Paredes), á mesma hora haberá unha charla coloquio sobre o tema ‘Estamos ante a 3.º oleada Feminista?', e xa pola tarde realizarase un coloquio sobre a ‘Situación das creadoras artísticas galegas', a proxección das curtas A ninguna parte e Na memoria da túa esposa, un obradoiro de defensa persoal (previa inscrición), e o visionado do documentario Doli, doli, doli… coas conserveiras. Os concertos distribuiranse entre as 11 e 14 horas e ás 20 e ás 4.45 horas, coa Banda de Música de Vilaboa, Primordiais, Concerto infantil As novas músicas de aquí, TNT, Os meninos, Sés, Pelepau, Flow do toxo e Señora DJ.