O Revitaliza recibe unha visita de representantes do Goberno Israelí para coñecer o modelo de compostaxe provincial

A delegación estranxeira busca asesoramento sobre a xestión en ‘kilometro zero' e o pago por xeración e chega á Deputación da man da Xunta ao abeiro dun proxecto europeo


30 novembro 2021
Israel visita o Revitaliza
O Revitaliza recibirá esta tarde unha visita técnica de representantes do goberno de Israel para coñecer ‘in situ' o modelo de compostaxe provincial. A delegación, formada por preto de vinte persoas, chega da man da Xunta de Galicia ao abeiro dun proxecto europeo de colaboración institucional.
 
A intención da comitiva é coñecer o sistema de residuos que promove a Deputación provincial, nomeadamente a xestión dos biorresiduos seguindo o modelo de ‘kilometro zero' e de compostaxe local, é dicir, o tratamento do lixo orgánico en composteiros individuais, comunitarios ou en pequenas plantas de tratamento próximas á veciñanza. A delegación israelí tamén está interesada na implantación do pago por xeración, unha filosofía que a Deputación pretende impulsar nos concellos adheridos ao Revitaliza e que recentemente vén de concretarse nas ordenanzas modelo que se están a poñer a disposición dos concellos da provincia.
 
Dende a Deputación de Pontevedra estiveron presentes na reunión o asesor Carlos Pérez Losada e o persoal técnico María Martínez Abraldes, Francisco Xabier Vilariño e Carlos Pintos Estévez; por parte da Xunta de Galicia Pedro Alcázar de SOGAMA, e Mónica Pérez Medina, responsable do servizo de Residuos autonómico; e pola parte do Goberno de Israel o grupo de persoal técnico do Ministerio de Protección Ambiental formado por  Neta Elul, Yarden Shahaf Shani Rockman, Livnat Yael Goldberg, Oren Herman, Leemore Haya Raviv Alon, Gal Tamir, Rnana Ilan, Avraham Radey, Adi Lifshitz, Michal Levy, Graham Byrne, e Yasmin Morpuss.
 
A xornada comezou cunha sesión técnica teórica na EGAP á que seguiu pola tarde a visita ao terreo en Pontevedra. A comitiva tiña previsto pasar por algún dos composteiros comunitarios da cidade, así como polos instalados  pola Deputación en Príncipe Felipe, o CIFP Carlos Oroza e tamén no centro de maiores de Vilaboa.
 
As reunións de traballo Xunta-Israel-Deputación enmárcanse dentro dos proxectos Twinning, instrumentos de cooperación da UE para impulsar a colaboración e hermanamento institucional entre estados en beneficio de países da contorna. A participación galega canalízase a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC) e de Sogama para dar apoio e asesoramento técnico e legal a Israel sobre o desenvolvemento e implantación das normativas de xestión de residuos, así como a capacitación do persoal funcionario para a súa aplicación. O proxecto ten un horizonte temporal de dous anos e un orzamento de 1,5 millóns, financiados integramente pola Comisión Europea.