O Revitaliza podería aproveitar cada ano ata 60.000 toneladas de biomasa forestal residual para minguar os lumes forestais nos montes da provincia

O asesor de residuos, Carlos Pérez, participou hoxe nun webinario do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega para falar das potencialidades da compostaxe na xestión do monte


24 novembro 2020
Videoconferencia revitaliza

O Revitaliza podería chegar a aproveitar cada ano 60.000 toneladas de biomasa forestal residual para minguar a posibilidade de propagación dos lumes forestais nos montes da provincia. Así o indicou hoxe o asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, na súa participación nun webinario organizado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega.

Pérez defendeu a hipótese de que sería posible establecer mecanismos de relación entre o programa de xestión de residuos orgánicos da Deputación e a prevención de lumes forestais. Segundo dixo, a necesidade de material leñoso (estruturante) que se necesita na compostaxe estase a cubrir a día de hoxe coa poda de arborado urbano e de elementos privados, mais "poderíase afectar a masa forestal de cada concello sen entrar en competencia co negocio da biomasa madeirable". Deste xeito, explicou, minguaría a posibilidade de propagación do lume, xa que se detraería material do monte potencialmente perigoso para arder.

Pérez puxo números sobre a mesa e explicou que na provincia de Pontevedra a fracción orgánica dos residuos municipais de máis dun terzo da poboación podería ser tratada por medio de composteiros individuais, outro terzo a través de centros de compostaxe comunitaria, e outra décima parte por pequenas plantas comarcais, chegando a poder tratar no local ou no próximo os biorresiduos de máis do 80 % da poboación.

Tendo isto en conta, e extrapolando os datos de produción de lixo orgánico de 2019, anualmente poderían chegar a tratarse mediante a compostaxe do Revitaliza ata 144.000 toneladas de biorresiduos domésticos na provincia. Este volume de orgánicos precisaría da orde de 60.000 toneladas de triturado de material leñoso residual para poder iniciar o proceso de compostaxe.

"O Revitaliza é un potencial aliado contra os lumes forestais", destacou, explicando así mesmo que é preciso analizar fondamente de que maneira se podería establecer a simbiose a través das administracións, xa que só o 2 % da extensión forestal galega é pública, o 32 % está en ‘man común' e o 65 % é privada.

Pérez puxo todos estes datos sobre a mesa na xornada de ‘Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios' organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de ‘Xestión forestal conxunta para prevención de incendios forestais en territorio POCTEP', cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.

Segundo explicaron desde a organización, as xornadas do proxecto GEFRECON tiñan como obxectivo "poñer en marcha accións innovadoras que permitan reducir o risco de incendios forestais mediante o desenvolvemento e implementación de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en autoprotección e a promoción da creación de empresas forestais", un eido no que incluíron ao Revitaliza.

Estas xornadas do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega volverán repetirse en formato en liña cos mesmos relatores de hoxe o vindeiro venres 27 e o luns día 30, de 10 a 11.45 h da mañá. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdY6QGXv6qQJPO8C_vXsyR9n26-aCTSWLmiuwVuZxv1E6I0tg/viewform