O Revitaliza modificará a súa ordenanza de compostaxe local para que os concellos dean un "salto adiante" na xestión dos seus biorresiduos

O vicepresidente, Mosquera, destaca que o Revitaliza está aliñado "coa quinta esencia" dos principios da política europea de residuos


12 marzo 2021
Revitaliza cambia ordenanza

O Revitaliza vai modificar no próximo pleno da Deputación a súa ordenanza de compostaxe local para que os concellos dean un "salto adiante" na xestión dos seus biorresiduos. Así o anunciou hoxe o vicepresidente, César Mosquera, quen destacou que con esta normativa e outras medidas en marcha, preténdese acelerar o tratamento da fracción orgánica na provincia.

Esta iniciativa provincial xurde nun momento especialmente relevante no eido dos residuos en xeral, dixo Mosquera, xa que a normativa está a variar cara á implantación dun sistema de economía circular no que se fomenten a autosuficiencia, a proximidade (quilómetro cero), a responsabilidade ampliada das e dos produtores, a xerarquía de residuos e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Por iso, e tendo en conta que as cifras de reciclaxe e reutilización están moi lonxe dos parámetros requiridos, desde a Deputación búscase proporcionar aos gobernos locais os instrumentos necesarios para cumprir a normativa tanto europea como estatal e galega.

O vicepresidente destacou, de feito, que "o Revitaliza está absolutamente aliñado, pero total e absolutamente, cos principios da normativa marco da Unión Europea e ca lexislación estatal española e galega. Está metido, integrado na quinta esencia dos principios da política europea".

O nacionalista quixo saír así tamén ao paso das declaración da Xunta de Galicia en relación ao futuro financiamento dos sistemas de tratamentos de residuos por parte da Unión Europea. O Goberno galego anunciou nos días pasados que supostamente o Ministerio de Transición Ecolóxica advertira de que si apoiaría sistemas como Sogama, mais ningún tratamento mecánico biolóxico.

Mosquera, porén, explicou que para a UE hai unha xerarquía de principios sobre os residuos clarísima na que primeiro vai a prevención, e logo a reutilización e reciclaxe, como partes nobres do tratamento de residuos. Despois, engadiu, están a valorización, incluída a enerxética (na que se inclúe Sogama), e a eliminación en vertedoiro: "Tanto o queimar o lixo como elimínalo en vertedoiro son as últimas, menos valiosas e as que hai que reducir e practicamente facer desaparecer", insistiu.

"A mensaxe que quero lanzar é que separación e reciclaxe son os principios do tratamento dos residuos para que os residuos volvan ser un ben, para que volvan meterse no circuíto produtivo, na terra, no que se chama economía circular, e para iso é fundamental a separación en orixe e a reciclaxe. Eses son os principios do Revitaliza que este ano lle imos dar un impulso para poder apurar máis", apuntou.

Con esta explicación por diante, Mosquera destacou que as declaración do Goberno galego veñen a afirmar un descoñecemento profundo da situación. "Pódese entender desas declaracións da Xunta que entre os sistemas alternativos –non apoiados– tamén estaría o Revitaliza, o que é algo moi sorprendente. Quero entender que quen falou non sabía exactamente o que lle estaban dicindo. Entendeuno como lle pareceu e aproveitou para meterse ou soltar unha pulla colateral que o único que fai é retratalo porque nin coñece a normativa europea, a directiva marco 2008, nin a modificación desa directiva, nin o paquete de economía circular de 2015, nin a lei básica do 2011… ou se as coñece non as entendeu para nada", sentenciou.

Concellos Revitaliza

Nestes momentos hai 47 concellos adheridos ao Plan Revitaliza en diferentes fases. Nove deles (Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Grove, Tomiño, Valga, A Illa de Arousa e Pontevedra, xa co seu propio plan). Todos eles verán ‘revolucionada' a súa estratexia de residuos coa nova normativa do Revitaliza.

Os concellos que comezaron a ‘aventura Revitaliza' en 2015 foron Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En xullo de 2017 adheríronse Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cuntis, O Grove, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

En novembro de 2017 abriuse unha nova quenda de adhesión, na que se incorporaron os concellos de Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas e Sanxenxo; en 2018 uníronse os concellos de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces, e decidiron dar o salto á implantación global A Illa de Arousa, Bueu, Cangas e Moaña (como mancomunidade), Poio, Ponteareas, Tomiño e Valga; en 2019 formalizaron a súa adhesión ao Plan Revitaliza os concellos de Marín e Meis e no 2021 o concello de Meaño.