O Revitaliza colabora este domingo na reforestación do monte de Salceda de Caselas co compost dos centros comunitarios do municipio

A actividade foi organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación de Veciños de San Xurxo


12 marzo 2021
Plan Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación colaborará esta fin de semana nunha nova actividade de reforestación de monte, neste caso no Concello de Salceda de Caselas e organizada pola Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación de Veciños de San Xurxo.

A iniciativa realizarase nunha parcela de monte pertencente a comunidade de Montes de San Xurxo e pretende dotar de armadura vexetal a zonas afectadas pola vaga de incendios que asolaron a zona no 2017 e que pouco a pouco van repoboándose de vida.

As árbores que se plantarán son especies autóctonas que foron doadas pola Sociedade Galega de Historia Natural e proveñen do viveiro que ten a Escola de Capataces de Lourizán.

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra e o Concello de Salceda de Caselas colaborarán achegando o compost que se utilizará para fertilizar a plantación e dando soporte con medios materiais. O compost provén dos centros de compostaxe comunitarios situados no centro urbano do municipio.

A actividade terá lugar mañá domingo día 14 de marzo, no barrio da Bouzavedra en Salceda de Caselas. Para inscribirse ou recibir información as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa asociación a través dos correos electrónicos secretaria.avsx@gmail.com e gandaras@sghn.org.