O Revitaliza chega a Salceda, Mondariz, As Neves e Tomiño cunha carpa informativa sobre compostaxe, xogos e agasallos

Mestras e mestres composteiros da Deputación iniciarán mañá mércores unha xira por toda a provincia para concienciar a poboación da necesidade de compostar


24 setembro 2019
Carpa Revitaliza

O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra chegará mañá a Salceda de Caselas e continuará nos vindeiros días desta semana en Mondariz, As Neves e Tomiño para falar de compostaxe coa veciñanza e animala a compostar os seus biorresiduos. Unha equipa de mestras e mestres composteiros instalarán unha carpa informativa na que, ademais de explicacións sobre o compost, farán xogos e preguntas e repartirán plantas e outros agasallos entre as veciñas e veciños que estean máis ao día sobre a compostaxe.

O punto informativo estará mañá mércores en Salceda de Caselas, aproveitando o día de feira, instalado diante do Concello entre as 11 e as 14 horas. O xoves desplazarase a Mondariz, na praza de España, tamén de once a dúas; o venres estará nas Neves, diante da Casa da Xuventude (onde está situado un dos centros de compostaxe comunitaria) co mesmo horario; e o domingo pecharase a semana en Tomiño, aproveitando a celebración do Biomercado da Praza do Seixo, entre as dez da mañá e as seis da tarde.

O persoal técnico dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e que pretende que os concellos cumpran os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto á reutilización e ao reciclaxe. Lembrarán que é precisa a colaboración da cidadanía e a súa concienciación e responsabilidade ambiental, porque a Unión Europea esixirá que sexa obrigatorio compostar ou recoller os biorresiduos separadamente en orixe antes do 31 de decembro de 2023.

As mestras e mestres composteiros explicarán tamén en que consiste a compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso desde que o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se xeran na casa ata que finalmente se produce o compost. Indicarán que todo o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne), tanto de produtos cociñados coma sen cociñar, son axeitados para facer compost, polo que se poden botar sen problema no composteiro, e advertirán da importancia de cubrir con estruturante os restos que se deixen.

Todos aquelas persoas que teñan estes datos xa aprendidos ou dominen xa a teoría e práctica sobre a compostaxe poderán poñerse a proba e participar nos xogos de preguntas que están preparados na carpa . De contestar correctamente as respostas, recibirán unha planta ou un agasallo do Revitaliza.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegándolle de maneira lúdica e sinxela á veciñanza o que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.