O Revitaliza achegou a compostaxe a preto de 1.400 crianzas durante o verán nos concellos da provincia

Durante os meses de xullo e agosto realizáronse 105 actividades en 17 concellos


30 agosto 2021
Actividades Revitaliza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a sumar éxitos nas súas actividades de compostaxe para crianzas. No que vai de verán o Plan provincial de residuos baseado na compostaxe chegou a preto de 1.400 nenas e nenos que participaron nas ludotecas, obradoiros e campamentos estivais dos concellos da provincia.

As cifras seguirán medrando durante este mes de setembro, xa que aínda se poden solicitar obradoiros e charlas, pero só nos meses de xullo e agosto as e os monitores do CEIDA estiveron en dezasete municipios adheridos ao plan provincial levando adiante 105 actividades dirixidas tanto a familias como a rapaces de 2 a 16 anos. Destacaron as charlas informativas ‘A voltas coa compostaxe'; as actividades de compostaxe infantil para pequenas e pequenos de Educación Infantil; o teatro e contos de ‘Ecocol'; o famoso Xogo da Miñoca, para rapazada de 6 a 8 anos; os obradoiros de ‘Quen vive aí?' para coñecer todos os invertebrados que axudan a que a compostaxe saia adiante; e os experimentos de microcompostaxe, para xente moza de 9 a 16 anos, amosando como con pequenos recipientes tamén se pode chegar a facer compost de calidade cos biorresiduos.

Por territorios, a comarca do Morrazo foi a máis activa neste verán, con 384 participacións e co concello de Marín destacando sobre todos os demais xunto ao concello de Cangas. Na comarca do Salnés as actividades chegaron a 259 nenas e nenos dos municipios da Illa de Arousa, Cambados e O Grove; na comarca de Pontevedra, nos concellos de Poio, A Lama e Barro, participaron 245 nenas e nenos; na comarca do Condado houbo 229 rapazas e rapaces da Cañiza, Arbo, Mondariz e Ponteareas; na comarca de Caldas 112 dos concellos de Cuntis, Portas e Valga; mentres que participaron tamén o Concello de Redondela con 105 crianzas e o de Vila de Cruces con 39.

As actividades educativas do Revitaliza, que se realizan principalmente durante o curso nos centros educativos de toda a provincia e de maneira máis recente durante o verán, están destinadas a nenas e nenos de Infantil, Primaria e Secundaria dentro da programación estival organizada dos municipios, xa ben campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas ou ludotecas, mais tamén se inclúen actividades para grupos familiares.

O contido das propostas é mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica para facer máis asumibles os conceptos ás crianzas que están a gozar do seu período vacacional. Neste ano, igual que en 2020 por motivo da COVID-19, traballouse en grupos reducidos para garantir a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.

As actividades pódense adaptar ás diferentes necesidades de cada Concello, polo que os servizos municipais poden consultar as dúbidas ou aclaracións que se precisen coa equipa educativa. Aínda está aberta a posibilidade de solicitar actividades para o mes de setembro, mais o número máximo de actividades a realizar en cada Concello –totalmente de balde financiadas pola Deputación– estará suxeito á dispoñibilidade e en función da demanda do programa.