O Plan Revitaliza mostra en Edugal o seu programa para levar a compostaxe aos centros de ensino


26 febreiro 2019
Edugal 2018

O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra terá o seu espazo propio na oitava edición do Salón da oferta de educación e formación de Galicia (Edugal) que se celebrará entre mañá e o venres no Recinto Feiral. Persoal técnico do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental (Ceida) explicará o programa de educación, formación e divulgación que se está a desenvolver nos centros educativos da provincia no que é un dos máis importantes puntos de encontro de estudantes, profesores, orientadores, nais e pais, responsables de centros educativos e profesionais da educación.

O programa divulgativo do Revitaliza busca afianzar os conceptos relacionados coa compostaxe nos centros educativos próximos a centros de compostaxe comunitaria dos concellos adheridos e tamén dar a coñecer o proxecto e as súas vantaxes no resto dos centros da provincia. O obxectivo principal é explicar o importante problema ambiental que supón a xestión dos residuos para os municipios, e a necesidade de separar a materia orgánica do lixo para reducir os elevados custos da recollida e tratamento, levando estes residuos aos composteiros.

A día de hoxe, o programa da Deputación e o Ceida vai xa pola súa terceira edición, tendo comezado en 2016 cun grande éxito que se foi estendendo ata chegar a milleiros de alumnas e alumnos. Nas instalacións de Edugal repartirase material promocional, trípticos sobre compostaxe comunitaria e individual, e habilitaranse paneis explicativos das fases do proceso da compostaxe comunitaria, así como das actividades do programa de divulgación que desenvolve o Ceida.

En concreto, farase fincapé nas actividades centradas no asesoramento a centros educativos nos proxectos de investigación escolares sobre compostaxe, charlas de formación ao profesorado, exposicións itinerantes, actividades educativas para alumnas e alumnos (coloquios, xogos sobre residuos, posta en marcha de composteiros, visitas a centros de compostaxe comunitarios, obradoiros de identificación de invertebrados presentes na compostaxe…), elaboración de materiais didácticos, seminarios sobre xestión de residuos ou a celebración de congresos ambientais sobre compostaxe.